Luis López anuncia o investimento de 0,5M€ da Deputación en Rodeiro para a mellora da seguridade viaria na estrada municipal entre As Devesas e Carboentes

O presidente provincial informa, nun encontro coa veciñanza, da execución dunha obra moi necesaria e demandada pola poboación que afectará a un treito de 3,5 quilómetros e será financiada ao 100% pola Deputación ao abeiro do Plan +Provincia

01/10/2026

Luis López anuncia o investimento de 0,5M€ da Deputación en Rodeiro para a mellora da seguridade viaria na estrada municipal entre As Devesas e Carboentes

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anuncia nun encontro coa veciñanza de Rodeiro un investimento de 500.000 euros da Administración provincial ao abeiro do Plan +Provincia para financiar a totalidade das obras de mellora da seguridade viaria da estrada municipal entre As Devesas e Carboentes, nun treito de 3.500 metros de lonxitude. A subvención para que o Concello execute proxecto será aprobada este venres en Xunta de Goberno e servirá para intervir nunha estrada que precisaba unha mellora urxente, atender a demanda da poboación e dos usuarios dunha estrada cunha alta densidade de tráfico e cumprir co compromiso do goberno provincial.

O proxecto contempla unha intervención no treito comprendido entre o entronque coa estrada provincial EP-6202 Rodeiro-Oseira ata o núcleo de Carboentes, un viario de 3,5 quilómetros que é de titularidade municipal. Neste camiño, que presenta graves deficiencias de seguridade ao tratarse dunha estrada demasiado estreita, cun firme deteriorado e que carece de beiravías. As obras servirán para repoñer a capa de rodaxe, gañar anchura ampliando estrada polos laterais, reforzar a estrutura construíndo un pequeno muro de contención de pedra e mellorar a drenaxe instalando canalización alí onde é posible. Ademais, está prevista a renovación da sinalización vertical e horizontal e instalación de redutores de velocidade.

Segundo lembrou o mandatario provincial, o obxectivo da Deputación era executar unha obra de maior profundidade nesta estrada para arranxar por completo os problemas de seguridade de acordo cos estándares de calidade que a Deputación está a implantar nos 1.600 quilómetros de estradas provinciais. Unha proposta que o propio presidente presentara antes do verán á veciñanza, que consistía na permuta da titularidade desta estrada ao organismo provincial para ampliala e dotala dun ancho axeitado para o dobre sentido e a mobilidade peonil e ciclista. Con todo, esta solución non saíu adiante pola falta de colaboración do goberno local. Ante esta situación e os graves problemas que afectan a esta estrada, desde a Deputación optouse por esta saída para garantir un tránsito seguro e axeitado aos usuarios desta vía, aínda que a proposta para unha intervención completa segue enriba da mesa.

A pegada da Deputación no Concello de Rodeiro non se limita unicamente a esta mellora da seguridade viaria da estrada entre As Devesas e Carboentes. A través do Servizo de Infraestruturas, o ente provincial leva mobilizados máis de 700.000 euros para mellorar a seguridade de distintos treitos das estradas EP-6201, entre Rodeiro e Vilela; da EP-6202, entre Rodeiro e Oseira; e na EP-6204, entre Portela e Antas de Ulla. Ademais, a través dos distintos plans de cooperación puxéronse a disposición do Concello ao longo destes tres anos de mandato un total de 3,7M€ que serviron para impulsar proxectos como o das pistas de pádel, a renovación do alumeado público ou a mellora de camiños municipais.

Galerias de imagenes