A Deputación levará o legado de Rosalía de Castro a 35 centros escolares da provincia a través de visitas á súa Casa-Museo

Trátase do programa “Rosalía, a súa casiña, o meu lar”, a iniciativa en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro á que a institución provincial destina preto de 30.000 euros

08/02/2024

A Deputación de Pontevedra abre este venres 9 de febreiro o prazo para que ata 35 centros educativos da provincia poidan participar no programa “Rosalía, a súa casiña, o meu lar”, impulsado pola institución provincial en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro. Trátase dunha iniciativa para que o alumnado da provincia coñeza a riqueza cultural da colección da Casa-Museo de Rosalía en Padrón, o intenso labor que desenvolve e se achegue á figura e legado da autora. Deste xeito, a Deputación destina a esta iniciativa 27.100 euros e farase cargo tanto dos custos da entrada coma do transporte desde os centros de ensino da provincia ata a Casa de Rosalía.

A visita, guiada polo persoal do Departamento de Educación da Casa-Museo, estará apoiada no material didáctico enviado previamente a cada centro educativo e adaptado a cada etapa (primaria, ESO e bacharelato). No seu percorrido, o alumnado coñecerá os acontecementos que marcaron a vida e a obra de Rosalía. Así, na planta baixa, denominada “O perfil dunha sombra”, poderán apreciar a dimensión desta emblemática figura da cultura galega e universal: a súa vida, a contorna que a rodeou e a relación do pobo galego coa figura da escritora, mentres que na primeira planta, denominada “O seu”, vivirán unha recreación da casa rural da época, entre labrega e fidalga. Ademais, durante o transcurso da visita, realizarase unha proxección audiovisual sobre a figura de Rosalía, que rematará coa entrega ao centro de varios volumes literarios da autora.

Os centros educativos interesados en beneficiarse deste programa deberán, en primeiro lugar, concertar as visitas co Departamento de Educación da Casa-Museo a través do correo fundacion@rosaliadecastro.gal ou do teléfono 981 811 204. Unha vez acordada a cita, terán que presentar a súa solicitude a través da Sede electrónica da Deputación entre este venres, 9 de febreiro, e o 1 de decembro de 2024, sempre cun mínimo de 20 días naturais de antelación á data de realización.