A Deputación impulsa a programación de outono do Museo de Pontevedra, con Filgueira Valverde, José Suárez, Berio Molina, as mulleres no cine arxentino ou a moda do século XX como protagonistas

A proposta para esta estación arranca cunha conferencia de Manuel Gago sobre as árbores na cultura galega este xoves e un recital poético de Alberto Avendaño o venres

23/09/2026

A Deputación impulsa a programación de outono do Museo de Pontevedra, con Filgueira Valverde, José Suárez, Berio Molina, as mulleres no cine arxentino ou a moda do século XX como protagonistas

Hoxe comeza o outono e arranca tamén a programación que a Deputación preparou para os seguintes tres meses no Museo de Pontevedra. Trátase dunha ampla proposta de exposición temporais, cursos, concertos, cine, eventos para todos os públicos, xornadas e conferencias que se desenvolverá entre o 23 de setembro e o 20 de decembro. Algúns dos nomes propios desta estación serán os de Xosé Filgueira Valverde, do que se recupera o memorial no 30 aniversario do seu pasamento, o fotógrafo José Suárez, protagonista dunha xornada con motivo do Día das Artes Galegas e Berio Molina, cunha exposición no proxecto Infiltracións.

O máis inmediato vai ocorrer xa esta mesma semana, na que se pechan as mostras dedicadas a ‘A derradeira leición do mestre’ de Castelao e á obra dos últimos vinte anos de José Freixanes. O xoves ás 19:00 h, Manuel Gago pronuncia a conferencia “Irmáns de terra: as árbores como marcos de memoria e identidade na cultura galega”, que toma como punto de partida a presenza das árbores na obra de Castelao. O venres á mesma hora, Alberto Avendaño ofrece un recital poético, acompañado pola soprano Loli Crespo, arredor da obra de José Freixanes.

Ata o 25 de outubro permanecerá aberta a exposición ‘Mudanza’ de Ira Lombardía, dentro do proxecto Infiltracións, de creación de obras contemporáneas en diálogo coas coleccións do Museo. Tomará o relevo neste ciclo Berio Molina, con ‘Frío, frío’, unha instalación sonora que parte da colección de cadeiras de diferentes épocas e estilos que se exhiben no Edificio Castelao. Inaugurarase o 4 de decembro. Antes, o 20 de novembro, abrirá ‘Bifrontes’, unha mostra en colaboración coa Facultade de Belas Artes de Pontevedra e comisariada por Covadonga Barreiro na que docentes, estudantes e egresadas e egresados deste centro xogan coa ética e estética da ambigüidade simbolizada polas esculturas bifrontes da colección do Museo.

Para todos os públicos

Este outono volven os obradoiros prácticos que achegan o público adulto ás técnicas artesás. Entre o 28 de outubro e o 2 de decembro desenvolverase un curso de iniciación á cerámica con práctica de torno, a cargo de Teresa Pece. E durante tres venres de novembro, decembro e xaneiro, Julia de la Cal ofrecerá cursos intensivos de iniciación á cestería de vimbio. Tamén volve o curso de arte e moda da man de Carolina Munáiz, que ao longo de dez sesións entre outubro e decembro achegarase á moda do século XX.

O outono traeranos dúas citas musicais singulares. O cuarteto de frautas deBiselas fusionará o próximo martes 29 de setembro textos de Castelao coa música de compositores como Carlos Gardel, Warren Barker e Rosendo Mato, no concerto ‘Ecos de Castelao’. E o último sábado de outubro recibiremos a Orquestra Galega de Liberación, coa súa proposta de creación espontánea e improvisación.

Entre novembro e decembro, programaremos en colaboración co Consulado Xeral da República Arxentina en Vigo un ciclo sobre as mulleres no cine arxentino. A programación de acción cultural completarase cos obradoiros ‘O Museo en Camiño’ impartidos por Taller Abierto e a Semana Lorquiana, que chegará do 2 ao 8 de novembro da man de Polo Correo do Vento.

Xornadas e conferencias

A celebración do Día Europeo da Arte Rupestre é o marco no que recibiremos o martes 6 de outubro á investigadora portuguesa Sara Garcês, que pronunciará unha conferencia sobre a arte rupestre no val do Texo, situado no centro de Portugal, onde se localizaron máis de 7.000 gravados prehistóricos ao aire libre. Na mesma semana o Museo acollerá unha nova edición da Xornada de Onomástica Galega que organiza a Real Academia Galega, centrada este ano en ecoloxía e onomástica.

Os días 22 e 23 de novembro o Museo de Pontevedra recupera o Memorial Filgueira Valverde coa súa 16ª edición. Co lema “Un crisol na actividade cultural galega. 120 anos de aniversario”, achegarémonos desde diferentes puntos de vista á figura de quen dirixiu o Museo durante 36 anos.

Os días 19 e 20 de novembro terá lugar o XV Encontro de Conservación e Restauración, que se aproximará ao universo do dourado, a súa historia, materiais e procedementos de execución, así como os avances no seu estudo e conservación. Por último, o 29 de novembro abordaremos a figura de José Suárez desde novas miradas. Será unha xornada en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes, centrada no fotógrafo ao que se lle dedica este ano o Día das Artes Galegas.

Galerias de imaxes