A Deputación pon en marcha este mes de novembro novas accións de promoción turística da provincia en Madrid e Barcelona

A campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino proxectarase no metro de Madrid e Barcelona para fomentar a visibilidade da provincia, estimular a demanda turística e favorecer a desestacionalización

07/11/2026

A Deputación de Pontevedra pon en marcha entre este luns 9 de novembro e o domingo 22 novas iniciativas de promoción turística da provincia en Madrid e Barcelona. En concreto, proxectarase a campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino, nas pantallas dixitais dos metros de Madrid e de Barcelona, co obxectivo de fomentar a visibilidade da provincia, estimular a demanda turística e favorecer a desestacionalización.

Entre o 9 e o 22 de novembro a campaña estará dispoñible no metro de Madrid, nas pantallas dixitais situadas nos túneles da liña 8 que conecta a estación de Nuevos Ministerios co aeroporto Adolfo Suárez. A campaña, cunha duración de 14 días consecutivos, prevé unha audiencia potencial de entre 500.000 e 570.000 viaxeiros, alcanzando un público diverso integrado por residentes, profesionais, visitantes nacionais e turistas internacionais que empregan esta vía de conexión entre o centro da capital e o aeroporto internacional.

Pola súa banda, en Barcelona a campaña estará dispoñible entre o 15 e o 22 de novembro nas pantallas dixitais situadas nos túneles da liña 5 e 1, dúas das liñas máis empregadas da rede de metro de Barcelona ao conectar o Hospital Clinic e Diagonal (liña 5) e as estacións de Plaça Espanya e Rocafort (liña 1). Neste caso prevese que esta iniciativa promocional acade unha audiencia estimada de 1,25 millóns de persoas.

A campaña na Gran Vía de Madrid e na pop-up store

Estas accións promocionais chegan trala proxección da campaña Rías Baixas: a túa meta, o teu destino, na Gran Vía de Madrid, onde se puido ver en outubro a través dos máis de 4.500 spots emitidos que alcanzaron preto de 2,4 millóns de usuarios e de 6 millóns de impactos totais. Tamén trala instalación dunha tenda pop up en Madrid ata a que se achegaron máis de 1.500 persoas para participar nas experiencias de realidade virtual relacionadas coa provincia de Pontevedra, evidenciando o elevado interese na oferta de turismo activo do destino Rías Baixas.

Accións en plataformas dixitais

A campaña de Turismo Rías Baixas deste ano combina diferentes accións de publicidade, entre as que destaca a presenza en plataformas como Netflix, Prime Video, YouTube, Instagram e Spotify que, ata a data, conseguiron 6 millóns de impresións, 4,5 millóns de visualizacións e máis de 14.500 clics. Un dos principais fitos da campaña en plataformas dixitais é a taxa media de visualización, que supera o 76% e a media do mercado (que se sitúa entre o 55 e o 60%), o que evidencia a capacidade do audiovisual Rías Baixas: a túa meta, o teu destino para captar a atención do público e xerar interese e interacción.

Entre todas as plataformas, Spotify lidera o alcance da campaña, con máis de 1,6 millóns de impresións e de 1,5 millóns de reproducións, seguido de Prime Vídeo e Netflix, que rexistra as maiores taxas de visualizacións, con preto do 98% e máis do 97% respectivamente.