Luis López destaca que o apoio da Deputación ás comunidades de usuarios de auga sitúa á provincia “como un referente en España en políticas de auga”
O presidente provincial, acompañado polo deputado Javier Tourís, remarca na inauguración da Conferencia Internacional Acowas que se celebra en Pontevedra os máis de 4M€ investidos e a colaboración con 600 comunidades a través dos plans +Aqua
16/09/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou o compromiso do organismo provincial coa sustentabilidade na xestión da auga a través do apoio pioneiro ás comunidades de usuarios de auga da provincia, que nestes dous anos de goberno recibiron máis de 4 millóns de euros —a través de programas como o +Aqua, o Novaqua e a convocatoria dos primeiros premios +Aqua— para mellorar os sistemas de captación e abastecemento da auga en diversos núcleos de poboación da provincia. Fíxoo na apertura da Conferencia Internacional da Xestión Comunitaria da Auga no Rural, Acowas, un congreso celebrado no Teatro principal da cidade do Lérez no que participaron representantes destes colectivos chegados de distintos países de Europa para poñer en común o traballo realizado e os retos de futuro na xestión comunitaria deste recurso.
“A auga, ou a ausencia dela, é un reto en moitos lugares do mundo. Pero nesta provincia témola en abundancia. Algo que é unha bendición, pero non é a solución a todos os problemas. A captación, o abastecemento, o saneamento ou o aproveitamento deste recurso tan vital como escaso supoñen tamén un desafío en moitos núcleos de poboación desta provincia. Por sorte, contamos con persoas comprometidas tanto co medio ambiente como coa súa terra, refírome ás persoas que dan forma as Comunidades de Usuarios de Auga da provincia”, recoñeceu Luis López na inauguración dun congreso no que estivo acompañado polo deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís.
O mandatario provincial quixo poñer en valor o labor fundamental que desenvolven estes colectivos na provincia á hora de construír novas redes de abastecemento, implantar sistemas de control do consumo ou instalar os últimos avances tecnolóxicos. “Veciños e veciñas de moitos núcleos de poboación de Pontevedra contan con auga corrente nos seus fogares ou aforran na factura da auga grazas ao seu labor. Un exemplo de solidariedade, convivencia e respecto polo medio ambiente que merece o máximo apoio por parte deste goberno provincial”, contextualizou López antes de enumerar as novidosas iniciativas aprobadas polo goberno provincial para colaborar coas comunidades de usuarios de auga.
O plan +Aqua mobilizou en dúas edicións preto de 4 millóns de euros para atender unhas 600 solicitudes, que recibiron axudas de 6.000 a 10.000 euros. O programa Novaqua, que repartiu 300.000 euros para regularizar, na súa primeira edición 61 traídas veciñais e cuxa demanda superou todas as expectativas. Os primeiros Premios +Aqua para recoñecer o labor destas comunidades. “Este goberno provincial aprobou por primeira vez na historia medidas de apoio para as comunidades de auga, que sitúan á provincia de Pontevedra como un referente en España en políticas de auga”, salientou o presidente Luis López sobre estes programas que teñen no deputado responsable do departamento de Acción Comunitaria “ao o gran valedor das traídas e o asociacionismo e o responsable de poñer a andar todo isto, que no foi doado”, dixo para recoñecer o traballo do deputado Javier Tourís.
Despois de dar a benvida aos representantes das comunidades de auga europeas ás Rías Baixas e convidalos a descubrir os tesouros que agochan os seus 61 concellos, Luis López agradeceu o labor pola sustentabilidade e o consumo responsable da auga que está a facer tanto Coxapo (colectivo que integra estas comunidades en Galicia), como a Consellería de Medio Ambiente e reafirmou o compromiso da Deputación para seguir sendo o aliado das asociacións que velan por unha axeitada xestión deste recurso vital que é a auga.
