Luis López presenta diante dun cento de agrupacións musicais da provincia axudas para mercar ou reparar instrumentos musicais e vestiario por 200.000€
O presidente provincial, acompañado polo deputado Jorge Cubela, lembra as entidades do eido da cultura sen ánimo de lucro da provincia que teñen ata o 10 de outubro para solicitar unha subvención deste programa que repartirá ata 3.000€ entre os beneficiarios
18/09/2025
O Presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar esta tarde no Pazo provincial a representantes de máis de 110 agrupacións musicais da provincia unha novidosa liña de subvencións para a adquisición ou reparación de instrumentos ou vestiario aprobada polo goberno provincial por valor de 200.000 euros. “Unhas axudas que responden a un clamor do mundo das agrupacións musicais e culturais desta provincia e que este goberno tivo a sensibilidade de escoitar e atender”, afirmou o mandatario provincial, que estivo acompañado polo deputado de Cultura, Jorge Cubela.
Esta nova mostra de colaboración do goberno provincial co tecido asociativo e cultural da provincia repartirá un máximo de 3.000 euros, ou ata o 75 % do gasto realizado, entre cada un dos beneficiarios. Uns fondos que se poderán destinar tanto a adquisición de novos instrumentos musicais ou pezas de vestiario, como a reparación dos mesmos. O programa está articulado nestas dúas liñas, dotada a primeira con 170.000 euros e a segunda, con 30.000 euros. Publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia, o prazo para a presentación de solicitudes está aberto ata o vindeiro 10 de outubro. “Esta colaboración non é un premio, senón un recoñecemento e unha colaboración xustos a tantas e tantas agrupacións que manteñen vivas a nosa música, as nosas festas e os nosos bailes tradicionais, son un ingrediente indispensable en calquera acto cultural desta provincia e garanten a cohesión social e a oferta cultural e de lecer en tantos concellos e vilas desta provincia”, explicou o mandatario provincial.
No Salón de Plenos do Pazo provincial reuníronse representantes do diverso tecido colectivo musical da provincia, que inclúe bandas de música, bandas de gaitas, asociacións folclóricas, escolas de música, grupos de cantareiras, ateneos, corais, coros, orfeóns, grupos de góspel, orquestras ou asociacións culturais e veciñais, entre outras. Nun acto no que actuou o grupo redondelán Xingro’s Big Band, tomaron a palabra en representación deste colectivo Iván Estévez, presidente da Federación Galega de Bandas de Música Populares; e Elisa Grandal, integrante da directiva da Banda de Gaitas do Centro Cultural de Torroso e do grupo de baile Ruada de Torroso de Mos. Ambos amosaron o agradecemento pola publicación desta liña de axudas e salientaron o valioso impulso que suporá esta liña de colaboración para as agrupacións culturais.
“Xa sabedes que está é a casa amiga da cultura, das asociacións e dos veciños. Atrás quedou esa época na que non se vos tiña en conta, agora tedes na Deputación unha porta sempre aberta, na que se vos recibe, na que se vos escoita, na que se vos entende e, finalmente, na que se vos atende”, remarcou o presidente. Nun sentido similar pronunciouse o deputado responsable da área de Cultura, Jorge Cubela, quen se encargou de dar a benvida aos asistentes. “Esta é outra mostra de que a cultura é para nós unha auténtica prioridade, unha área estratéxica que estamos dotando de fondos suficientes para que o impacto que temos na cultura da provincia sexa real. Nestes dous anos levamos investido 8 millóns de euros na dinamización cultural da provincia de Pontevedra”, subliñou o deputado provincial.
Despois de lembrar a aposta da Deputación pola cultura e o compromiso coas asociacións culturais da provincia con programas de éxito e gran acollida como o +Escénicas, o mandatario provincial reiterou o agradecemento e recoñecemento a estas agrupacións musicais polo labor de dinamización e descentralización da cultura que realizan e convidou a todos estes colectivos a solicitar estas axudas “para que as agrupacións musicais da nosa provincia sigan ao pé do canón moitísimos máis anos e nós, os veciños e veciñas, desfrutando da vosa música”, rematou o presidente Luis López.
