Rafa Domínguez asiste á inauguración da Semana da Creatividade do Campus Crea centrada nos futuros sustentables
22/04/2025
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este martes na Casa das Campás na inauguración da Semana da Creatividade, organizada polo Campus Crea da Universidade de Vigo en Pontevedra coa colaboración da institución provincial. A iniciativa este ano céntrase nos futuros sustentables e entre a súa programación de actividades atópanse dúas mesas redondas que acollerá o Museo de Pontevedra o mércores 23 (“Deseño e sociedade: inclusión e sociedade”, coas deseñadoras gráficas Raquel Boo e Zeltia Iglesias, moderado por Silvia García, da Facultade de Belas Artes) e o xoves 24 (“Isto é un colexio”, con Toni Segarra, o considerado mellor creativo publicitario español do século XX, e David Caballero, director creativo en VML The Cocktail, moderados por Julián Abad, presidente de Creatividade Galega e socio fundador de Wise) no Edificio Castelao.
Domínguez asegurou que “esta semana é un perfecto escaparate de todo o que representa o Campus de especialización Crea en Pontevedra, que agardamos que acade canto antes a súa certificación”, e garantiu o “apoio desta Deputación para seguir contribuíndo á excelencia deste campus”. O vicepresidente provincial animou a cidadanía a asistir ás actividades que “fan que a nosa cidade sexa o epicentro do debate e da innovación coa óptica da sustentabilidade, algo fundamental para garantir o futuro do noso planeta”.