Rafa Domínguez pon en valor a ensinanza como motor de cambio no I Congreso Internacional de Educación Transformadora que se celebra en Pontevedra

17/09/2025

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou este mércores na inauguración do I Congreso Internacional de Educación Transformadora, que se celebra ata o venres 19 de setembro no Campus Crea da Universidade de Vigo en Pontevedra. “Na Deputación, aínda que non temos competencias no ámbito educativo, cremos que a ensinanza é un dos piares fundamentais para o progreso da sociedade”, sinalou o vicepresidente. “Todos xuntos, a comunidade educativa e as diferentes administracións públicas, podemos ser quen de crear algo moito máis grande e que teña moita máis repercusión”, asegurou Domínguez, á vez que puxo en valor que “desde a institución provincial temos o firme compromiso de seguir traballando para que a educación nunca deixe de ser un dos principais motores de cambio da nosa sociedade”.

O I Congreso Internacional de Educación Transformadora, que conta co apoio da Deputación, reúne profesionais do ámbito de educativo procedentes da provincia, de Galicia, de España e de países como a Arxentina, Chile, Cuba, México e Francia para reflexionar sobre os grandes retos aos que se enfronta a educación. Arredor de conferencias plenarias, mesas de expertos, simposios e comunicacións orais e escritas, estanse a tratar aspectos como a convivencia nos centros educativos, a innovación docente, as implicacións da intelixencia artificial no ámbito educativo ou o benestar emocional na infancia.

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 4 resultados.