Rafa Domínguez cifra en máis de 42,7M€ os investimentos da Deputación na cidade: actuacións en estradas, deporte, patrimonio, cultura e mobilidade sostible
O vicepresidente provincial destaca a reforma de Príncipe Felipe, a renovación do céspede de Pasarón e os proxectos do Museo de Pontevedra e Santa Clara entre as principais actuacións
28/10/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, presentou este mércores os investimentos que a institución provincial prevé desenvolver na cidade durante 2027, con máis de 42,7 millóns de euros comprometidos para actuacións directas na capital da provincia. As partidas máis destacadas inclúen obras en estradas, instalacións deportivas, edificios públicos e espazos patrimoniais, así como o apoio a iniciativas culturais e proxectos de mobilidade sustentable.
Domínguez puxo o acento na continuidade dos investimentos e na estabilidade institucional da Deputación, que presenta os seus orzamentos por cuarto ano consecutivo en tempo e forma. “É o cuarto ano que este Goberno presenta as contas en tempo e forma, e iso é absolutamente fundamental porque dá unha estabilidade moi importante á Deputación e á provincia”, destacou.
O vicepresidente defendeu que as actuacións previstas responden a necesidades concretas da cidade e reivindicou a colaboración entre administracións para sacalas adiante. “Aos veciños non lles interesa a disputa política. Interésalles que impulsemos obras para mellorar a seguridade viaria, as instalacións deportivas, os espazos culturais e os edificios públicos”, afirmou.
Máis investimento nas estradas da cidade
Entre as actuacións destacadas figura a mellora da estrada EP-0012, en Salcedo, á que a Deputación destina 1,5 millóns de euros. O proxecto na estrada da Brilat busca mellorar a circulación e a seguridade viaria, especialmente para os peóns.
A Deputación reserva outros 400.000 euros para dar continuidade ao proxecto de mellora da EP-018, na contorna de Casa Rivas, en Xeve. A intervención deberá coordinarse co Concello e dará continuidade aos traballos realizados para mellorar os itinerarios peonís da zona. Por outra banda, continúa a execución do proxecto de mellora e seguridade viaria na estrada de Tomeza, zona de paso do Camiño Portugués.
“Cando chegamos en 2023 atopámonos con grandes dificultades nas estradas provinciais. Nos últimos anos reforzamos o investimento, escoitamos e cumprimos coas xustas demandas dos veciños”, asegurou Domínguez. A estas actuacións súmanse os 300.000 euros reservados para a Vía Verde, un proxecto co que a Deputación pretende avanzar na mobilidade sustentable e mellorar as conexións da cidade coa súa contorna.
O Museo e o patrimonio, entre as prioridades
O Museo de Pontevedra volverá concentrar unha parte importante dos investimentos provinciais. Domínguez destacou os resultados da institución, que atravesa un período de elevada afluencia de visitantes, e confirmou a celebración da Bienal de Arte en 2027, cun orzamento superior ao millón de euros.
A Deputación continuará tamén con avances no proxecto dos edificios centrais do Museo, pendentes de completar algúns detalles técnicos para obter as autorizacións necesarias que permitan licitar os traballos o próximo ano. Ademais, contémplase no orzamento de 2027 a reparación da cuberta do edificio Fernández López por 399.000 euros e unha partida de 25.000 euros para a asistencia técnica necesaria para a redacción do proxecto da parte antiga.
Outro dos proxectos é o novo centro de almacenamento dos fondos do Museo, situado no polígono de Barro. Contará con máis de 2.300 metros cadrados e cun orzamento de 200.000 euros. A instalación permitirá dar resposta aos problemas de espazo, especialmente no almacenamento de pezas arqueolóxicas.
Tamén as Ruínas de San Domingos contarán cun plan director, dotado con 30.000 euros, para definir futuras melloras na iluminación, a conservación e a atención aos visitantes. “Queremos que este plan nos diga cara a onde debemos ir e como mellorar a experiencia de quen visita San Domingos”, explicou o vicepresidente.
Príncipe Felipe e Pasarón, a aposta polo deporte
A reforma do pavillón polideportivo de Príncipe Felipe contará con 2,5 millóns de euros. O proxecto inclúe a renovación dos aseos e vestiarios, a mellora do pavimento e da grada e a modernización da pista, co obxectivo de adaptar as instalacións ás necesidades dos clubs deportivos da cidade e facilitar a práctica de máis disciplinas. “Queremos un pavillón máis funcional, máis accesible, con eficiencia enerxética e coas condicións adecuadas para o seu funcionamento e conservación a longo prazo”, asegurou Domínguez.
A intervención súmase aos 3,6 millóns de euros destinados á mellora da eficiencia enerxética do centro infantil, a escola infantil e as instalacións da Asociación Alba. O contrato xa está formalizado e a previsión é que os traballos comecen proximamente.
Tamén está en marcha a reforma da instalación eléctrica de Príncipe Felipe, cun orzamento de 451.000 euros. Segundo indicou o vicepresidente, a obra atopábase nun grao de execución do 10 % no momento da presentación e está previsto que remate nos próximos meses.
No campo municipal de Pasarón, a achega provincial ascende a 844.500 euros, aos que se engaden os 170.000 euros aprobados nunha modificación de crédito. A contribución supera así o millón de euros para financiar a renovación do céspede.
Domínguez lembrou que corresponde ao Concello presentar o proxecto, licitalo, adxudicalo e executar as obras, mentres que a Deputación contribúe economicamente. O vicepresidente reiterou a disposición provincial a colaborar para que a actuación se leve a cabo no próximo verán.
Apoio á cultura e aos proxectos da cidade
A relación de investimentos inclúe 75.000 euros para actuacións vinculadas ao Mosteiro de Lérez e 30.000 euros para o estudo de A Fracha. Domínguez referiuse a ambos como proxectos que transcenden o ámbito dunha parroquia e teñen relevancia para o conxunto da cidade.
A Deputación destinará tamén 20.000 euros ao Surfing the Lérez, un festival que o vicepresidente se nega a que desapareza do calendario cultural da cidade despois de 15 anos de traxectoria, e 15.000 euros ao Pont-Up Store. A partida para os gastos de funcionamento da UNED será de 354.000 euros.
No ámbito patrimonial, destaca o proxecto de conservación e remodelación do Palacete das Mendoza, cun orzamento base de licitación de 473.000 euros. A intervención busca recuperar este edificio emblemático, vinculado á identidade da cidade.
A colaboración directa co Concello manterase mediante o convenio anual de 2,5 millóns de euros, de libre disposición municipal. A esta cantidade súmanse os dous millóns de euros de participación provincial nas obras de Mollavao, na rúa Rosalía de Castro.
Santa Clara, apertura de 4.500 metros cadrados dos xardíns
Domínguez reservou a parte final da súa intervención para Santa Clara, un dos proxectos patrimoniais de maior dimensión previstos na cidade. A restauración paisaxística dos xardíns conta cun orzamento de 821.000 euros e un prazo de execución de catro meses. A Deputación xa recibiu a autorización de Patrimonio e presentou a solicitude de licenza municipal. Agora agarda a resolución para poder iniciar os traballos. “Ao tratarse dun proxecto paisaxístico de plantación de vexetación e adecuación dos espazos, non debería haber ningún tipo de inconveniente para que nos dean a licenza canto antes”, afirmou o vicepresidente.
Segundo explicou, a institución dispón de crédito para garantir a continuidade das intervencións durante 2027 sen necesidade de recorrer a novo endebedamento para ese fin. O custo estimado do conxunto dos traballos en Santa Clara supera xa os 10 millóns de euros.
Máis de 42,7 millóns para a capital da provincia
No balance final dos investimentos, Domínguez enumerou as 18 principais actuacións previstas: as obras no Museo de Pontevedra e a Bienal de Arte de 2027, o centro de conservación dos fondos en Barro, o plan director das Ruínas de San Domingos, as melloras das estradas de Salcedo, Xeve e Tomeza, a Vía Verde, a reforma de Príncipe Felipe, o céspede de Pasarón, o Palacete das Mendoza, Santa Clara e as intervencións en Mollavao, entre outras.
O vicepresidente cifrou en máis de 42,7 millóns de euros os investimentos directos da Deputación na capital e destacou que detrás deles hai actuacións de distinto alcance, desde obras de seguridade viaria ata a recuperación de edificios históricos e a modernización de instalacións públicas.
“Son investimentos que nacen da escoita aos nosos veciños, do entendemento entre administracións de diferente cor política e de necesidades urxentes como as de Príncipe Felipe ou Pasarón”, afirmou.
Domínguez pechou a presentación reivindicando a continuidade da colaboración institucional para sacar adiante os proxectos previstos. “Somos un Goberno próximo, que pon os intereses dos pontevedreses por enriba de todo e que vai seguir colaborando para continuar mellorando a cidade de Pontevedra”, concluíu.
