O vicepresidente, Rafa Domínguez, recibe un grupo de 33 escolares do CEIP San Martiño de Salcedo que participou no programa “Coñece o Museo”

19/01/2024

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de recibir no Museo de Pontevedra un grupo de 33 escolares de 1.º de primaria do CEIP San Martiño de Salcedo (Pontevedra) que participou no programa “Coñece o Museo”. Durante a súa visita, o alumnado realizou “Mira que te miro”, unha actividade participativa dirixida a aprender a observar unha obra de arte e a xerar estímulos que axuden a experimentar cos sentidos. “Trátase ―explicou Domínguez―
de que os alumnos poidan recoñecer o relato que esconden as obras de arte e como, construíndo historias, poden crear vínculos e afectos pola arte e polo Museo de Pontevedra desde ben pequenos”.

O programa da Deputación de Pontevedra “Coñece o museo”, financiado con 30.000 €, está dirixido a centros da provincia de Pontevedra, á excepción do centro urbano da capital, desde segundo grao de educación infantil ata secundaria, incluídos os ciclos formativos de grao medio; ademais, finánciase un autobús por cada centro durante o ano natural. Grazas a este apoio, o ano pasado visitaron o Museo de Pontevedra 128 centros educativos dos concellos de Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Gondomar, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pazos de Borbén, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa. En total, en 2023 foron 13.287 as e os escolares que se achegaron ás visitas e actividades didácticas organizadas para eles no Museo de Pontevedra.