Rafa Domínguez recibe os Reis Magos de Oriente na súa visita ao Pazo provincial
O vicepresidente deu a benvida a Melchor, Gaspar e Baltasar no exterior da Deputación antes de subir ao Salón de Plenos, onde atenderon os nenos e nenas da provincia
02/01/2026
O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, recibiu este venres os Reis Magos de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, na súa visita ao Pazo provincial. Acompañado do deputado de Cultura, Jorge Cubela, o vicepresidente deulles a benvida na escalinata exterior do Pazo, por segundo ano consecutivo, antes de subir ao Salón de Plenos para atender a rapazada da provincia que se achegou a coñecelos.
O vicepresidente agradeceu aos Reis Magos que fixeran unha parada no Pazo provincial dentro da súa atarefada axenda destes días para chegar ás rúas e aos fogares da provincia. Unha vez no Salón de Plenos, os Reis Magos de Oriente acomodáronse para agardar os nenos e nenas, escoitar os seus desexos e tamén para recoller as súas cartas. Ademais, a rapazada recibiu caramelos e puido tomar rosca con chocolate.
Este ano a Deputación puxo en marcha unha programación de Nadal arredor do lema “Un Nadal que saia do noso interior”, cunha decoración integrada por especies vexetais autóctonas da provincia coas que lembrar a importancia do interior xeográfico e dos montes, tan afectados este verán polos lumes. Ademais, o Pazo e os xardíns están iluminados con 250.000 luces LED. No interior do Pazo tamén se pode visitar unha pequena escolma de adornos de Nadal artesanais da colección ViCo. A mostra está formada por seis vitrinas que amosan parte das 1.200 pezas que compoñen esta colección, con elementos procedentes de diferentes países de Europa que xa foron expostos en museos de España e Portugal.
