A Deputación de Pontevedra prepárase para recibir este venres a visita dos Reis Magos de Oriente
O vicepresidente Rafa Domínguez recibirá as súas maxestades diante do Pazo provincial ás 17:00 horas antes de subir ao Salón de Plenos, onde recollerán as cartas dos nenos e nenas que se acheguen ás instalacións da Deputación
01/01/2026
A Deputación de Pontevedra xa ten todo listo para a chegada, por segundo ano consecutivo, dos Reis Magos de Oriente este venres 2 de xaneiro ao Pazo provincial. Melchor, Gaspar e Baltasar, despois da grande acollida que tiveron por parte da rapazada o ano pasado na súa primeira visita ao Pazo provincial na historia, volverán ser recibidos polo goberno provincial e atenderán as nenas e nenos que se acheguen á Deputación para escoitar os seus desexos e recoller as súas cartas.
A recepción terá lugar ás 17:00 horas na escalinata exterior do Pazo provincial, onde os estarán agardando o vicepresidente Rafa Domínguez e outros representantes do goberno da Deputación. A continuación subirán ao Salón de Plenos para acomodarse e recibir as nenas e nenos, que recibirán caramelos e tamén poderán tomar rosca con chocolate.
As persoas que se acheguen ao Pazo provincial poderán desfrutar da decoración de Nadal, que este ano xira arredor do lema “Un Nadal que saia do noso interior”, integrada por especies vexetais autóctonas da provincia, do Pazo provincial e os demais edificios provinciais. Con isto, a Deputación quere lembrar a importancia do interior xeográfico e dos montes, tan afectados este verán polos lumes. Ademais, o Pazo e os xardíns están iluminados con 250.000 luces LED.
No interior do Pazo tamén se pode visitar unha pequena escolma de adornos de Nadal artesanais da colección ViCo. A mostra está formada por seis vitrinas que amosan parte das 1.200 pezas que compoñen esta colección, con elementos procedentes de diferentes países de Europa que xa foron expostos en museos de España e Portugal.
