A Deputación recibe a Teresa Abelleira rodeada de máis de 300 nenas dos clubs deportivos da provincia

A vicepresidenta Marta Fernández-Tapias presidiu no campo de fútbol de Príncipe Felipe un acto de homenaxe á campioa mundial, que asinou o libro de honra e recibiu unha placa conmemorativa e mais a insignia de ouro da Deputación de Pontevedra

25/08/2023

RECEPCIÓN TERESA ABELLEIRA

A vicepresidenta primeira da Deputación de Pontevedra, Marta Fernández-Tapias, presidiu o acto de homenaxe da institución provincial á futbolista pontevedresa Teresa Abelleira como campioa mundial coa Selección Española de Fútbol Feminino. O acto tivo lugar no campo de fútbol da Cidade Infantil Príncipe Felipe, onde a institución provincial reuniu máis de 300 nenas dos clubs deportivos da provincia. Durante a homenaxe, a futbolista Teresa Abelleira asinou o libro de honra da Deputación e a institución provincial entregoulle unha placa conmemorativa do seu logro e mais a insignia de ouro da Deputación. Tamén estiveron presentes no acto o vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Xosé Ramón Lete, o delegado da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, José Manuel Fernández, e a deputada provincial Sandra Bastos.

A vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, sinalou que “a protagonista de hoxe é Teresa, a nosa Tere, e todas as rapazas que nos acompañan”. “Queremos que poidades gozar deste día no que queriamos organizar algo distinto e que foran as novas xeracións de xogadoras as que hoxe te recibiran”, explicou a vicepresidenta provincial. Co acto organizado pola Deputación, Teresa Abelleira “regresa á súa cidade como campioa e rodeada das futbolistas do futuro” xa que, “ao igual que de pequena te fixabas en Vero Boquete, agora ti es o exemplo para todas estas nenas que temos hoxe aquí, e polo tanto tes unha responsabilidade moi grande”, afirmou a vicepresidenta.

RECEPCIÓN TERESA ABELLEIRA

Fernández-Tapias asegurou que “non es consciente aínda do que conseguiches para Pontevedra e para Galicia, do que supón para as mulleres gañar este campionato do mundo nun deporte no que, efectivamente, custa moito traballo que as mulleres poidamos saír adiante e poidamos competir en igualdade de condicións”. O seu triunfo coa Selección no Mundial, polo tanto, “rompeu unha barreira para que o fútbol feminino teña as mesmas condicións que o masculino, e por iso desde as administracións imos loitar para fomentalo, porque si: as mulleres somos campioas do mundo!”, afirmou a vicepresidenta primeira da Deputación.

Marta Fernández-Tapias felicitou a futbolista porque “aínda que sodes un equipo e fostes unidas, todas as estatísticas din que a nosa Tere foi a mellor da selección, e iso dános moitísimo orgullo”. Do mesmo xeito, a vicepresidenta estendeu as súas felicitacións “á súa familia, porque igual que todas as familias sabedes que para chegar onde chegou ela fai falta axuda”, e tamén “a todas as familias que vos implicades por que as vosas fillas sigan loitando por ese soño que é xogar ao fútbol nas mesmas condicións”. Por iso, concluíu a vicepresidenta, “imos seguir colocando o fútbol feminino onde corresponde. Grazas, Tere, grazas polo que fixeches por nós”.

Galerias de imaxes

videos