A Deputación destina 352.000 € a Bueu, Cangas de Morrazo e Moaña ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais

O plan extraordinario, presentado esta mesma semana polo presidente provincial Luis López, está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia

25/04/2026

A Deputación destina 352.000 € aos concellos de Bueu, Cangas de Morrazo e Moaña ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario, presentado esta mesma semana polo presidente provincial Luis López, está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes. Uns recursos que se suman aos 82 M€ investidos polo goberno da Deputación de Pontevedra en menos de tres anos na mellora da rede de estradas provinciais.

Cada concello recibirá ao abeiro do Plan Vía Depo un mínimo de 50.000 € e os recursos restantes repartiranse baixo criterios obxectivos de superficie, poboación e o número de entidade singulares. Deste xeito, no caso do Morrazo, Bueu contará con máis de 102.000 €, Cangas de Morrazo con preto de 134.000 € e Moaña con máis de 115.000 € e, con estes recursos, poderán financiar actuacións relacionadas coa mellora do trazado e o reforzo da súa estrutura; coa conservación do firme a través do fresado, reparación de pavimentos, fochancas, gretas ou novas capas de rodaxe; coa estabilización de muros de contención que afecten a vías municipais; coa actuación en sistemas de drenaxe, como cunetas ou sumidoiros; ou coa reparación de sendeiros e paseos de acceso a praias fluviais e marítimas.

O obxectivo deste novo plan provincial, tal e como detallou o presidente na presentación, é “reparar o que se estragou, a mellorar o que debe ser mellorado. Devolver os camiños ao estado previo ás borrascas e, se cabe, modernizalos para que poidan resistir mellor futuros episodios difíciles”. Por esa razón, o Vía Depo non se poderá empregar para cofinanciar outros plans da Deputación, nin servirá para financiar a redacción de proxectos, dirección de obra ou adquisición de terreos.

Estes recursos súmanse aos 82 M€ investidos polo goberno da Deputación en menos de tres anos na conservación e mellora da rede de titularidade provincial. En concreto, en actuacións de conservación integral e accións en firmes e cunetas mobilizáronse 40,5M€ aos que hai que engadir 17,6M€ en mellora de estradas provinciais por iniciativa da Deputación e outros 24,7M€ a través de convenios con concellos. Unha atención constante que serviu para mitigar os efectos do tren de borrascas deste inverno, onde as brigadas atenderon desde o 1 de xaneiro un total de 430 incidencias.