A Deputación comeza hoxe coa reparación da estrada do Muíño, en Poio

O deterioro dunha estrutura de drenaxe, causa máis probable do pequeno afundimento producido no firme durante esta fin de semana

13/03/2023

Os servizos técnicos da Deputación xa están traballando para a inmediata reparación do burato aparecido á altura do PQ 0+200 da estrada provincial EP-0603, O Muíño-Campañó, en Poio, durante a noite do pasado sábado. A maquinaria desprazarase ao longo da xornada de hoxe ao punto da avaría que, despois da inspección visual realizada, parece corresponderse cun súbito deterioro da estrutura de drenaxe transversal a causa das fortes choivas.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, indicou que a reparación consistirá na apertura transversal no punto da rotura para a substitución dunha vella canle de drenaxe de pedra por unha estrutura prefabricada e con sección suficiente. Os traballos comezarán de inmediato e a súa duración dependerá do que persoal técnico atope unha vez se realice a apertura da calzada e a comprobación exhaustiva dos danos.

O tráfico, que foi desviado xa na noite do sábado en coordinación co Concello de Poio por vías alternativas, abrirase en canto a reparación estea rematada. Gregorio Agís adiantou que barállase que poida retomarse cun firme provisional, dado que a Deputación ten aberto un expediente de contratación para asfaltar precisamente este tramo da EP-0603.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.