A Deputación reparte 1,36 millóns de euros entre 11 concellos da contorna de Pontevedra ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas municipais danadas polos temporais

A Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde ao 82% dos fondos deste programa extraordinario, aprobando un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia

17/09/2026

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o reparto de máis de 1,36 millóns de euros entre os concellos da Lama, Barro, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Cerdedo Cotobade, Cuntis, Marín, Moraña, Poio, Portas e Vilaboa ao abeiro de Vía Depo, o novo plan provincial para arranxar as estradas de titularidade municipal danadas polos temporais do inverno. Este plan extraordinario está dotado con 8 millóns de euros e vai dirixido aos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes e a Xunta de Goberno da institución provincial aprobou o reparto do 82% dos fondos, un total de 6,6 millóns de euros para 49 concellos da provincia.

No caso da contorna de Pontevedra, A Lama contará con 154.000 € para as obras de reposición dos firmes e mellora dos sistemas de recollida de augas pluviais en trece camiños (Cambeses, Firveda, A Barcia, Covelo-2, Cotiño, Verducido, Covelo-1, Cernedo, Portabeleira, Firveda-O Pelete, Ermitas, Xesta e Seixido); Barro con 87.000 € para a mellora e reforzo do firme en Faxil e Concello (na parroquia de San Martiño de Agudelo), en Outeiro, Rebón e Triabá, (Santa María de Perdecanai), en Cangrallo e Constenla (San Breixo de Barro) e en Outeda e Atrar-Couso (Santa María de Curro); Caldas de Reis 128.000 € para a reconstrución dun muro no camiño de Gorgullón e a reparación de camiños en César e Nartallo; O Campo Lameiro con 104.000 € para a mellora da seguridade viaria e repavimentación en cinco camiño en San Isidro e Parada (parroquia de Montes), Praderrei (O Campo) e Painceiros e Armonda (Moimenta), e Cerdedo Cotobade con 244.000 € para a mellora da pavimentación da reda viaria en once lugares pertencentes ás parroquias de Borela, Viascón, San Xurxo de Sacos, Tenorio e Caroi.

Ademais, Cuntis recibe 127.000 € para o acondicionamento do pavimento e a optimización de drenaxe nos camiños Guimarei, Espadenal-Piñeiros, Teaño e Vilariño; Marín 132.000 € para a mellora de infraestruturas en Santa María del Puerto, Cantodarea, San Xián, San Xurxo en Mogor, Santo Tomé de Piñeiro e Santa María en Ardán; Moraña 99.000 € para as obras de conservación e rehabilitación de vías nas parroquias de Laxe, Santa Xusta, San Lourenzo e Saiáns; Poio 116.000 € para a pavimentación de camiños nas parroquias de Combarro, San Xoán e San Salvador; Portas 79.000 € para a reparación dos danos estruturais causados polas inclemencias meteorolóxicas no núcleo rural de Paredes (parroquia de Lantaño) e no lugar de Souto, e Vilaboa 88.000 € para o acondicionamento de camiños nos lugares de Casal de Santa e Paredes e a reparación de sendeiros peonís nos accesos ás praias do Areeiro de Paredes e Ostral.

O presidente provincial, Luis López, destacou que este primeiro reparto se produce apenas catro meses despois da aprobación do programa, dando resposta así ás demandas trasladadas polos alcaldes e alcaldesas da provincia. “En só catro meses despois da aprobación deste plan extraordinario, iniciamos xa o reparto de fondos aos concellos”, sinalou. O Vía Depo naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.