A Deputación de Pontevedra reserva máis de 200 prazas para Vigo dentro do seu programa de estadías en hoteis con talasos e spa malia a negativa do Concello a adherirse

O plan +Benestar, de balde para os 59 municipios da provincia adscritos, procura fomentar o envellecemento activo e dinamizar a economía ofrecendo estancias con pensión completa

05/03/2026

A Deputación de Pontevedra reserva máis de 200 prazas para Vigo dentro do seu programa de estadías en hoteis con talasos e spa malia a negativa do Concello a adherirse

A Deputación de Pontevedra vén de establecer unha reserva de máis de 200 prazas para que as persoas maiores empadroadas en Vigo poidan acceder de xeito directo ao programa +Benestar, que ofrece estadías en hoteis da provincia con talaso ou spa. Tal e como indica a vicepresidenta, Luisa Sánchez, esta medida tómase ante a negativa do goberno local a adherise a esta iniciativa que procura fomentar o envellecemento activo e dinamizar a economía.

A representante provincial lamentou a oposición do Concello de Vigo a participar neste programa malia que a adscrición non implica ningún custo para as administracións municipais. De cara a ofrecer solucións, a Deputación de Pontevedra foi quen de reservar un 10% das vacantes de réxime xeral para persoas censadas nos concellos que rexeitan rexistrarse como entidades colaboradoras. “Na práctica, isto supón máis de 200 prazas dispoñibles para Vigo”, precisou Luisa Sánchez.

Cómpre subliñar que as últimas edicións deste programa suscitaron unha alta demanda de persoas empadroadas na cidade olívica. Con todo, víronse relegadas á lista de agarda por mor da negativa do Concello de Vigo a formar parte do programa. Ademais, para acceder a algunhas vacantes de réxime especial resulta imprescindible contar cun informe dos concellos colaboradores, que tamén poden axudar a calquera solicitante a formalizar a súa inscrición.

En calquera caso, a vicepresidenta animou ao goberno municipal a revisar a súa negativa e adherirse a +Benestar para favorecer a inscrición das persoas censadas na cidade olívica. “Moita xente se achega á nosa sede para se queixar do trato discriminatorio que, segundo entenden, reciben do Concello de Vigo. Porén, a Deputación de Pontevedra adoptou esta medida para resarcir do mellor xeito posible á cidadanía viguesa”, explicou Luisa Sánchez.

A edición do ano 2026 conta con 2.097 prazas de réxime xeral e 30 de réxime especial, das cales poden beneficiarse as persoas de 55 anos ou máis que estean empadroadas na provincia de Pontevedra. O prazo para anotarse expira o vindeiro 13 de marzo.

Estadías de cinco noites en pensión completa

O programa +Benestar ten por finalidade fomentar o envellecemento activo en establecementos hostaleiros das Rías Baixas (talasos ou spas) e, ao mesmo tempo, pretende ser un programa dinamizador da economía da provincia que impulse a creación e o mantemento de postos de traballo no sector turístico durante os períodos de menor actividade.

Consiste nunha estadía de seis días e cinco noites (entrada os domingos pola tarde e saída os venres despois de xantar) nun hotel con talaso, spa ou outras instalacións de características similares da provincia, en réxime de pensión completa e con actividades de animación sociocultural. A subvención provincial permite reducir o importe que teñen que desembolsar os beneficiarios, que varía en función do establecemento hoteleiro escollido.

audios