A Deputación avanza na captación de rodaxes audiovisuais para a provincia e no posicionamento da imaxe de marca a nivel nacional e internacional no Festival de Cine de Málaga
A Rías Baixas Film Commission está a participar neste importante evento cinematográfico para presentar o destino a produtoras e localizadores audiovisuais
11/03/2026
A Deputación de Pontevedra avanza no Festival de Cine de Málaga na captación de grandes rodaxes audiovisuais para a provincia e no incremento do posicionamento da súa imaxe de marca a nivel nacional e internacional. Esta semana, a Rías Baixas Film Commission está a participar neste importante evento cinematográfico cun stand da man da Spain Film Commission desde onde está a presentar o destino a produtoras e localizadores audiovisuais.
A Deputación de Pontevedra, que participa no evento xunto con outras tinta Film Commissions de diferentes puntos de España, está a ter un papel activo en presentacións e obradoiros de formación. Ademais de acudir á Asemblea Xeral de socios da Spain Film Commission, da que forma parte, está organizando encontros con profesionais do sector audiovisual de todo o mundo para captar rodaxes.
Durante o Festival de Cine de Málaga a Rías Baixas Film Commissión está a participar tanto en mesas redondas sobre cinema de animación ou sobre o impacto real da Intelixencia Artificial na produción audiovisual, como en xuntanzas con directivos audiovisuais como co vicepresidente de Netflix España, Diego Ávalos, ou en sesións para coñecer as boas prácticas que desenvolven destinos como Italia, para coñecer as oportunidades de negocio, os proxectos en desenvolvemento e as posibilidades de coproducións.
