A Deputación e o mosteiro da Armenteira avanzan na elaboración de produtos cosméticos a partir de sementes de camelia

O deputado Jorge Cubela asistiu á reunión da Comisión de seguimento do proxecto entre a institución e a comunidade do templo, que estuda a rendibilidade de futuras plantacións para estimular a súa explotación comercial na provincia de Pontevedra

21/11/2023

O deputado delegado de Reto Demográfico, Xuventude e Desenvolvemento Rural, Jorge Cubela, asistiu esta mañá no mosteiro da Armenteira, en Meis, á reunión da Comisión de Seguimento do proxecto de colaboración entre a Deputación de Pontevedra e a comunidade do mosteiro para o estudo de novos produtos de cosmética elaborados con aceite extraído de sementes de camelias cultivadas na provincia. O encontro mantido hoxe serviu para estudar a evolución deste proxecto, con vixencia ata 2025, durante esta anualidade.

O obxectivo desta iniciativa é determinar a rendibilidade das plantacións de camelia e das súas sementes en Galicia, así como a calidade do seu aceite extraído por prensado en frío para o seu uso cosmético, concretamente para elaborar produtos naturais coma xabóns, aceite puro cosmético, bálsamos labiais ou cremas corporais. A Deputación, con coñecemento na materia a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, pretende, mediante este proxecto coa comunidade do mosteiro da Armenteira, concretar a produción de sementes por planta e o tempo que cada unha tardaría en chegar á súa máxima produción. Con isto, poderase esclarecer a rendibilidade de cara a futuras plantacións e, polo tanto, estimular a súa explotación comercial na provincia de Pontevedra.

O traballo conxunto da Deputación de Pontevedra, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro, e a comunidade do mosteiro da Armenteira está a abrir novas posibilidades de aproveitamento do medio rural da provincia. A comunidade está rexistrada en Actividades Económicas, concretamente na epígrafe de fabricación de xabón e produtos de perfumaría, e recoñece a calidade do aceite das camelias cultivadas na provincia de Pontevedra e os seus beneficios para o coidado da pel.

Galerias de imaxes