Luis López sinala o dinamismo e a diversidade do movemento veciñal como a “verdadeira forza desta provincia” nun encontro en Rodeiro do segundo +Convivir
O presidente da Deputación participa, no seu concello de orixe e acompañado por centos de veciños, na sexta xornada da segunda edición do programa +Convivir no que houbo sesións de actividades de risoterapia, nutrición e baile
27/09/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destacou a importancia do movemento veciñal para dinamizar a vida social e cultural na provincia de Pontevedra e reafirmou o compromiso do goberno provincial para seguir apoiando as numerosas e diferentes actividades que promoven estes colectivos na celebración en Rodeiro da sexta xornada da segunda edición do programa +Convivir, unha actividade deseñada para poñer en valor o labor do movemento veciñal cunha festa na que participaron centos de persoas pertencentes colectivos veciñais de Rodeiro e a comarca do Deza.
"Na Deputación temos moi claro que a verdadeira forza desta provincia está no seu rico e activo movemento veciñal. Un colectivo que, desde que tomamos posesión do goberno provincial hai algo máis de dous anos, pasou do ostracismo ao protagonismo. As veciñas e veciños de Rodeiro, do Deza e da provincia, estades no centro da nosa axenda de Acción Comunitaria. Para reformar os vosos locais, programar actividades, participar en excursións, crear comunidades enerxéticas ou modernizar os sistemas de abastecemento de auga, mobilizamos nestes dous anos máis de 8 millóns de euros", afirmou o mandatario provincial.
Neste encontro celebrado no concello de orixe do presidente provincial os asistentes tiveron a oportunidade de desfrutar dunha clase de risoterapia, dun obradoiro sobre nutrición, dunha sesión de baile e moitas outras actividades pensadas para desfrutar dunha tarde en comunidade. "Esta sexta xornada do +Convivir é unha das respostas da Deputación para agradecer a actividade das asociacións veciñais", explicou o dirixente, quen se referiu aos participantes para recoñecer que "vexo en vós, veciñas e veciños de Rodeiro e da contorna, xente orgullosa de vivir en comunidade; e vexo neste meu fogar, un anaco do enorme paraíso que é esta provincia, desde a costa ata o interior".
Da excelente acollida e da elevada asistencia deste e dos anteriores encontros do programa +Convivir, responsabilizou López ao deputado responsable da área de Acción Comunitaria, Javier Tourís. "É o valedor número un do movemento veciñal e o verdadeiro artífice de que a veciñanza desta provincia volva estar onde nunca debeu desaparecer, no centro da axenda da Deputación", salientou o presidente.
O presidente da Deputación deu por concluída a benvida a este novo encontro recoñecendo o peso das asociacións veciñais na provincia. "O labor do movemento veciñal é incalculable e valiosísimo para dinamizar a vida social nas parroquias, nos concello e nas comarcas; para dotar de actividade os centros sociais e culturais que poñemos a vosa disposición e para lembrarnos a necesidade de levar as mellores infraestruturas, os mellores servizos e o mellor ocio a todos os recunchos da provincia", concluíu o presidente Luis López reafirmando o compromiso da Deputación no apoio aos colectivos veciñais da provincia.
