A Deputación celebra a segunda poxa de gando vacún da Finca Mouriscade coa participación de 22 empresas

No proceso adxudicáronse un total de once vacas de raza frisoa, algunhas cun valor máximo de preto de 3.000 euros

02/04/2024

Poxa de gando vacún en Mouriscade

A Deputación de Pontevedra celebrou con éxito na Finca Mouriscade a segunda poxa de animais de gandería, na que participaron 22 empresas da provincia e doutros puntos de Galicia. Nela vendéronse un total de 11 vacas de raza frisoa, que contaban cun prezo de saída de 1.900 euros, e nalgún caso chegáronse a alcanzar os preto de 3.000 euros.

En canto ás empresas participantes na poxa organizada en Mouriscade, 22, a maioría proviñan do concello de Lalín, aínda que tamén se presentaron firmas doutros puntos da provincia, como Rodeiro. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Sarria, en Lugo; Santa Comba ou Brión, na Coruña; ou Río, en Ourense.

A granxa da Finca Mouriscade é a quinta mellor explotación gandeira de toda España. En menos de tres anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 ao 5 no índice combinado ICO, que avalía a calidade xenética dos animais. Esta clasificación apuntala o centro como unha referencia no sector agrogandeiro nacional e sitúao só por detrás de dúas ganderías barcelonesas, unha coruñesa (terceira) e a lalinense G. B. Gandería.  

As tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polo persoal do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética das ganderías da provincia. Nestes momentos Mouriscade conta con varias reses entre as mellor puntuadas de España.

 

Galerias de imaxes