A Deputación impulsa a segunda xornada da Comunidade de Aprendizaxe para converter os plans estratéxicos dos concellos en proxectos con financiamento real
O deputado Javier Tourís destacou que “é o momento de pasar da planificación á acción” e avanzar no deseño de proxectos sólidos e financiables no marco do programa europeo C2 Axenda 2030 Local
12/04/2026
A Deputación de Pontevedra celebrou este venres no Edificio Administrativo o segundo obradoiro da Comunidade de Aprendizaxe de Proxectos Transformadores, unha iniciativa dirixida aos concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia no marco do proxecto europeo C2 Axenda 2030 Local co obxectivo de reforzar a súa capacidade para acceder a financiamento autonómico, estatal e europeo. O deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís, inaugurou este encontro, no que participou persoal municipal dos concellos da Lama, O Campo Lameiro, Covelo, Meis, Mondariz, Moraña, Pazos de Borbén, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Salceda de Caselas, Valga e Vilaboa.
Na benvida Tourís puxo en valor o compromiso do persoal técnico e político municipal: “sei perfectamente o que supón para un concello pequeno sacar tempo das súas tarefas diarias para participar nestas xornadas. O voso compromiso demostra que compartimos unha visión de futuro para a nosa provincia”. O deputado subliñou que esta segunda sesión chega “cun camiño moi importante xa percorrido”, tras completar os 17 concellos participantes os seus Plans Estratéxicos e Follas de Ruta 2030. “Desde este goberno provincial sempre o tivemos claro: a planificación non é o obxectivo, o obxectivo é a acción”, asegurou, destacando que este novo paso permitirá “converter as ideas en proxectos concretos para presentar ás diferentes convocatorias europeas”.
Este segundo obradoiro que acolleu o Edificio Administrativo da Deputación enmárcase na Comunidade de Aprendizaxe Transfronteiriza de Proxectos Transformadores, un servizo de acompañamento técnico individualizado posto en marcha pola Deputación para que cada concello participante poida contar cun proxecto definido e listo para presentarse a convocatorias concretas. “O noso compromiso non é só xestionar fondos, senón acompañarvos para que vos cheguen: queremos proxectos reais, para executar e que melloren a vida da xente”, remarcou Tourís quen recordou que ademais desta sesión, o programa completase con accións formativas, incluíndo cursos de capacitación organizados pola Universidade de Vigo, así como dous obradoiros telemáticos sobre turismo sostible e participación cidadá.
A Deputación de Pontevedra acompaña os concellos da provincia no proceso de planificación estratéxica da man do proxecto europeo C2 Axenda 2030 Local, financiado polo Programa de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal 2021-2027, do que a institución provincial é coordinadora cun orzamento de preto de 800.000 €. Trátase así de dotalos dunha planificación estratéxica, aproveitando as sinerxías entre os concellos para identificar retos compartidos e xerar proxectos comúns, xa que esta é cada vez máis requirida nas convocatorias de axudas.
O proxecto C2 Axenda 2030 Local ten tres vías principais de actuación cos concellos: a diagnose e xeración de ferramentas para identificar necesidades concretas e deseñar ferramentas adaptadas, actividades de capatización colaborativa (seminarios, cursos e comunidades de aprendizaxe) para facilitar o contacto e aprendizaxe mutuas e para concretar proxectos colaborativos, e a creación dun observatorio de localización da Axenda 2030 para integrar o coñecemento e as boas prácticas identificadas durante o proxecto, que servirá tamén para darlle continuidade. A Deputación desenvolve este proxecto coa Comunidade Intermunicipal do Alto Minho (Portugal), as deputacións de Cáceres e Huelva e as comunidades intermunicipais de Beira Baixa e Baixo Alentejo, coa participación académica da Universidade de Vigo.

