A Deputación organiza a próxima semana cinco novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+

Entre o 12 e o 15 de maio realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como o Inbound Márketing, a Intelixencia Artificial, os podcast ou Pinterest

11/05/2025

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 5 e o xoves 8 de maio e afondarán en cuestións de interese para o tecido empresarial da provincia como son o Inbound Márketing, a Intelixencia Artificial, os podcast, a rede social Pinterest e os informes de viaxes.

O luns 12 celebrarase o obradoiro telemático "Inbound Márketing", a partir das 11:00 horas organizado pola oficina de Cambados. Este obradoiro tratará de mostrar o impacto que ten esta técnica como unha forma de achegarse ao usuario a través do acompañamento á clientela ao longo do proceso de compra. Será impartido por José Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O martes 13, en formato telemático tamén ás 11:00 horas, realizarase o obradoiro "Audiomárketing: crea e diferénciate da competencia cos podcast" coordinado pola oficina de Ponteareas. O éxito do podcast (unha publicación de audio dixital dispoñible en internet e aplicacións) reside en que é un bo método para asimilar conceptos completamente compatibles con outras actividades. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

O mércores 14, ás 12:00 horas e coordinado pola oficina do Porriño, terá lugar o obradoiro "Pinterest para negocios". Os participantes aprenderán a empregar esta ferramenta que non só é unha rede social senón un buscador visual onde millóns de persoas atopan inspiración para comprar, polo que pode aumentar a visibilidade e atraer tráfico cualificado. Será impartido por Esther Garcinuño, Diplomada en Ciencias Empresariais e Enxeñeira Técnica en Informática de Xestión, con preto dunha década de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web. As inscricións pódense realizar neste formulario.

O xoves 15 realizarase o obradoiro telemático "Recomendacións para o uso da intelixencia artificial na programación", ás 12:00 horas coordinado pola oficina de Barro. Os asistentes aprenderán a integrar a intelixencia artificial no seu fluxo de traballo de programación explorando como pode axudar a escribir código máis eficiente, depurar erros, xerar documentación e optimizar o rendemento das aplicacións. O obradoiro será impartido por Manuel Tornos, asesor da oficina de Barro con máis de 30 anos de experiencia en TIC, experto en transformación dixital, optimización de procesos e novas tecnoloxías. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.

Por último, tamén o xoves pero en formato presencial de 16:30 a 18:30 horas en Ponteareas, baixo o nome "Novo parte de viaxeiros a través de SES Hospedajes ", os participantes van aprender e resolver todas as dúbidas relativas a este informe de viaxes, explorando a nova normativa, os seus cambios e o rexistro na plataforma. O obradoiro será impartido por Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico, e as inscricións poden formalizarse neste formulario.

A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.