A Deputación organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica da Rede SmartPeme+
Entre o 19 e o 23 de maio realizaranse accións presenciais e telemáticas arredor de asuntos como relacións coas administracións públicas, xestión para aloxamentos turísticos ou márketing especializado para artesanía
17/05/2025
A Deputación de Pontevedra organiza a próxima semana seis novos obradoiros de capacitación tecnolóxica ao abeiro da Rede SmartPeme+. As accións, en formato telemático (todas elas requiren inscrición previa), celebraranse entre o luns 19 e o venres 23 de maio e afondarán en cuestións de grande interese para o tecido empresarial da provincia como son a xestión de aloxamentos turísticos, márketing para o sector da artesanía, relacións coas administracións públicas, rexistro de marcas, reputación dixital ou técnicas de posicionamento en buscadores.
O luns 19 celebrarase o obradoiro telemático "Ferramentas de xestión para aloxamentos turísticos", a partir das 12:00 horas organizado pola oficina de Pontevedra. Este obradoiro tratará de mostrar a utilidade de varias ferramentas para facilitar a vida cotiá e a xestión do aloxamento, como os motores de reservas e dispoñibilidade en liña ou os xestores de canles, co obxectivo de vender máis aforrando tempo e aumentando os beneficios. Será impartido por Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo con máis de 10 anos de experiencia no sector turístico. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
O martes 20, en formato presencial ás 9:30 horas, realizarase o obradoiro "Primeiros pasos coa Administración Electrónica" na oficina de Ponteareas. Este obradoiro tratará de dar a coñecer diversas utilidades relacionadas coas xestións administrativas coas administracións públicas, co obxectivo principal de dar a coñecer o DNI electrónico e o certificado dixital. Será impartido por Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, e as inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
Tamén o martes se celebrará o obradoiro telemático "Do taller ao mercado: márketing para artesanía", ás 17:00 horas coordinado polo punto SmartPeme+ de Lalín. Terá por obxecto dar a coñecer ferramentas dixitais adaptadas ao sector da artesanía para axudalo a dar a coñecer o seu traballo, vender máis e facer medrar a súa marca definindo unha identidade artesanal, coñecendo como establecer prezos xustos, escollendo as mellores canles de venda e usando as redes sociais de xeito estratéxico. Será impartido por Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas cun posgraduado en Comunicación e Industrias Creativas e con experiencia en comunicación corporativa, deseño gráfico e Imaxe corporativa. As inscricións poden realizarse no seguinte formulario.
O mércores 21, ás 12:00 horas e coordinado pola oficina de Vigo, coa colaboración de ISERN Patentes e Marcas, terá lugar o obradoiro "Protexe a túa marca: rexistro e estratexia". Os participantes aprenderán a importancia de protexer unha marca e por que o rexistro non é só un proceso legal, senón unha estratexia clave para garantir a identidade e o valor dunha empresa tanto no mercado físico como no dixital. As inscricións pódense realizar neste formulario.
O xoves 22 realizarase o obradoiro "Presenza en Internet e técnicas SEO", ás 17:00 horas na oficina de Cambados. Os asistentes aprenderán conceptos web centrados na importancia dun sitio profesional e as súas vantaxes como empresa, ademais do seu correcto posicionamento en Internet mediante técnicas libres. O obradoiro será impartido por Jose Luis Taboada, asesor da oficina de Cambados con máis de 25 anos no sector e especializado en sistemas informáticos. As inscricións pódense realizar no seguinte formulario.
Por último, o venres 23 ás 12:00 horas celebrarase en formato telemático o obradoiro "Marca persoal e reputación dixital", coordinado pola oficina de Vigo. Nel abordarase como construír e fortalecer unha marca persoal sólida no ámbito dixital, especialmente a través de redes profesionais. O obxectivo é axudar a posicionarse estratexicamente no mercado laboral, proxectando unha imaxe coherente, auténtica e aliñada cos obxectivos profesionais da empresa. O obradoiro será impartido por Sabela Álvarez, asesora de emprendemento, licenciada en Comunicación e formadora acreditada, e as inscricións poden formalizarse neste formulario.
A Deputación destina este ano 1,45 millóns de euros á Rede SmartPeme+ e Acelera Pyme Rural para asesorar persoas emprendedoras desde as oficinas de Barro, Cambados, Lalín, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño e Vigo. Desde esta rede lévanse a cabo actividades formativas relacionadas co crecemento empresarial e a transformación dixital, asesorando a ata 2500 emprendedores, autónomos e pemes ao ano e impartindo arredor de 200 talleres formativos e actividades complementarias.