A Deputación destina 280.000 euros a dotar de persoal as 32 oficinas de turismo da Rede Info Rías Baixas

As entidades disporán de axudas de ata 7.000 euros, 14.000 euros, no caso dos municipios turísticos, para prestar os servizos de información e atención aos visitantes

23/02/2024

Rolda de prensa do presidente

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar  destinar 280.000 euros á prestación dos servizos de información e atención ás e aos visitantes nas 32 oficinas de turismo adheridas á Rede Info Rías Baixas. Trátase, como explicou o presidente provincial, Luis López, "dunhas axudas que buscan colaborar no fomento do turismo e na profesionalización do sector na provincia".

A través destas achegas poderán financiarse tanto os custos salariais de persoas empregadas públicas que presten servizos de atención ao público coma os derivados da contratación do servizo. Entre os requisitos, destaca que as persoas contratadas deben ser diplomadas en Turismo, ter o ciclo de formación profesional en Guía, Información e Asistencias Turísticas ou en Comercialización Turística e Guía, ou contar co certificado de profesionalidade en promoción turística local e información ao visitante.

O importe máximo da subvención para cada unha das entidades solicitantes non poderá exceder o 75 % do seu orzamento nin superar os 7.000 euros no caso de que se subvencionen os custos derivados da contratación dunha persoa informadora nas oficinas de turismo. Os concellos declarados como "municipio turístico", poderán dispoñer de dúas persoas informadoras, e o importe máximo da subvención ascenderá aos 14.000 euros. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación das axudas no BOPPO.

videos

audios