Rafa Domínguez supervisa o inicio dos traballos arqueolóxicos no convento de Santa Clara, que se estenderán catro meses e medio

“Hoxe é un día de enorme alegría. Damos comezo a un dos proxectos arqueolóxicos máis importantes que se van realizar en Galicia nos últimos anos e que nos vai permitir avanzar para que Santa Clara acabe converténdose no museo que queremos que sexa”, remarcou o vicepresidente da Deputación

02/06/2026

Rafa Domínguez supervisa o inicio dos traballos arqueolóxicos no convento de Santa Clara, que se estenderán catro meses e medio

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, acaba de visitar o convento de Santa Clara onde comezaron os traballos arqueolóxicos que está previsto se estendan catro meses e medio. “Hoxe iníciase unha nova era, é un día de enorme alegría, no que damos comezo a un dos proxectos arqueolóxicos máis importantes que se van realizar en Galicia nos últimos anos e no que avanzamos para que Santa Clara acabe converténdose no museo que queremos que sexa”, remarcou o vicepresidente provincial.

Domínguez recordou que despois dun longo proceso administrativo, “hoxe arrancan as escavacións arqueolóxicas, fundamentais para que para que se desenvolvan logo as obras e para coñecer a historia do quilómetro cero da cidade de Pontevedra”. Ao respecto, subliñou que este traballo de campo se completará, posteriormente, coa elaboración dunha memoria técnica e estudos complementarios de antropoloxía, análises de paramentos e, entre outros, antracoloxía para poder completar as estruturas xa identificadas en fases anteriores, protexer posibles elementos non documentados que puideran verse afectados polas intervencións e obter unha visión integral do convento de Santa Clara.

Nestes momentos están a traballar na intervención arqueolóxica un equipo integrado por 18 persoas, aínda que está prevista a incorporación progresiva de especialistas ao longo destes meses. O equipo, tal e como explicou o vicepresidente está, nestes momentos, realizando traballos na zona do claustro, letrinas e tullas, onde xa se atopou un muro da estrutura medieval do convento. A mediados de xuño, segundo informou Dominguez, comezarán a intervir na zona do bosque e en xullo, trala Bienal de Artes Vivas, na propia igrexa.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.