A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para solicitar as actividades dos programas +Convivencia e Provincia Activa, dotados con preto de 570.000 euros
+Convivencia oferta 250 actividades para asociacións sen ánimo de lucro e Provincia Activa permitirá desenvolver un total de 160 obradoiros formativos de envellecemento activo
03/03/2026
A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata o mércores 11 de marzo o prazo para que entidades da provincia poidan solicitar participar nas actividades das novas edicións dos programas de benestar social +Convivencia e Provincia Activa, que contan cun orzamento conxunto de preto de 570.000 euros.
En concreto, +Convivencia está dotado neste 2026 con 300.000 euros e permitirá financiar ata 250 actividades organizadas por asociacións sen ánimo de lucro da provincia. Está dirixido a entidades sociais, culturais, veciñais, de maiores, de mulleres, ANPA e outras organizacións que desenvolvan iniciativas de carácter social, e as actividades deberán realizarse entre o 1 de abril e o 31 de decembro de 2026. Entre as propostas que se poden acoller ao programa figuran rutas culturais e de natureza, visitas a espazos patrimoniais e museos, actividades vinculadas ao Camiño de Santiago, festas de interese turístico ou gastronómico, así como percorridos por parques naturais, illas ou espazos protexidos. Cada actividade deberá contar con polo menos 30 persoas participantes -vinte no caso de grupos con persoas con mobilidade reducida- e poderá ser organizada pola propia entidade ou a través dunha axencia de viaxes. A Deputación financiará gastos como transporte, entradas, guías oficiais, seguros ou restauración, dentro dos límites establecidos nas bases.
Pola súa banda, o programa Provincia Activa está orientado a fomentar o envellecemento activo e a autonomía persoal mediante 160 obradoiros formativos repartidos por toda a provincia, trinta máis que o ano anterior. O orzamento total deste programa incrementouse un 82% con respecto á anterior edición, ata os 266.055 euro,s e ofrécese un catálogo de obradoiros que inclúe propostas de exercicio físico e saúde, memoria e benestar emocional, creatividade, artesanía, baile, cociña saudable, restauración de mobles e formación dixital, con contidos como o uso do móbil, a ciberseguridade ou a tramitación electrónica. Cada entidade poderá solicitar un único taller de 30 horas de duración, con grupos de entre 15 e 25 persoas, e cun mínimo do 70% de participantes maiores de 50 anos.