A Deputación ten aberta ata o domingo 7 de abril no Palacete das Mendoza a exposición “Follas de herba” de J. C. Vilar

Na mostra, o pintor e profesor pontevedrés presenta “un eloxio á sinxeleza” baseado no libro de poemas homónimo do poeta Walt Whitman

31/03/2024

Últimos días para visitar no Palacete das Mendoza a exposición “Follas de herba”, do pintor e profesor pontevedrés J. C. Vilar. Na mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro domingo 7 de abril, o artista presenta un “eloxio á sinxeleza” baseado no libro de poemas homónimo publicado en 1855 polo poeta Walt Whitman (Leaves of Grass).

Desta maneira, Vilar trata de buscar a fermosura na sinxeleza, desde un paxaro cazado polo seu gato, ás vellas portas descoloridas polo sol e o paso dos anos, pasando por unha billa de paso de auga ata personaxes da rúa anónimos. Desta maneira, as persoas que retrata son como “os ninguéns” de Eduardo Galeano, persoas que pasarían desapercibidas en calquera rúa de calquera cidade: músicos da rúa, artesáns, traballadores, persoas anónimas. O mesmo pasa cos lugares representados, que son recunchos anónimos que ás veces serían difíciles de localizar incluso para os propios habitantes, pero que están aí e lles dan vida e encanto ás vilas.

Juan Carlos Vilar (Pontevedra, 1958) ten formación autodidacta como debuxante. Cun estilo realista, comezou debuxando a lapis e carbón vexetal, e a súa técnica derivou ao gouache (ou augada), tinta chinesa e acrílico. Comezou expoñendo de maneira colectiva en 1974 no Liceo de Vilagarcía de Arousa e, en 1982, fixo a súa primeira exposición individual na Sala Albatros de Pontevedra. En 1986 foi seleccionado no certame Novos Valores, convocado anualmente polo Museo de Pontevedra.  Ao longo da súa traxectoria ten recibido numerosos galardóns, coma o primeiro premio do Certame Nacional de Debuxo Felipe Orlando (Málaga, 2017); o do XXII Concurso de Pintura con Motivos Taurinos (Sevilla, 2018), ou o segundo premio no Concurso Nacional de Debuxo Antonio del Rincón (Guadalajara, 2020).

“Follas de herba”, a selección de obras de J. C. Vilar que acollerá ata o 7 de abril a sede de Turismo Rías Baixas,  pode visitarse de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, o sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e o domingo, último día, de 10:00 a 14:00 horas.