Última semana para visitar “Morriña de estrelas”, a mostra de Lola Doporto que acolle o palacete das Mendoza

A mostra da artista, con representacións de figuras e composicións inspiradas no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago, poderá visitarse ata o vindeiro domingo 3 de decembro

26/11/2023

Últimos días para visitar “Morriña de estrelas”, a mostra da artista do Barco de Valdeorras Lola Doporto que acolle o palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas. A exposición, que se poderá visitar ata o vindeiro domingo 3 de decembro, está composta por diversos lenzos nos que saen representadas figuras e composicións inspiradas no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago de Compostela.

Doporto leva a música, a cor e a luz dos conxuntos escultórico-arquitectónicos do románico galego aos seus lenzos co seu estilo característico. Obsequia así a ou o visitante cun Santiago Apóstolo calvo ou cunhas pandeireteiras acompañadas dos seus paxaros icónicos. Os músicos móstraos barbados e con melenas, e coa cor e coa espátula confírelles o aspecto inconfundible da súa pintura. A artista engade personaxes que van desde un gaiteiro ou un afiador, ata un Mestre Mateo absorto nas súas cavilacións, cheo de cor e tocado pola maxia das estrelas.

De formación autodidacta, Lola Doporto foi pouco a pouco progresando na súa traxectoria pictórica. Arrincou expoñendo cadros na tenda Miranda do Barco de Valdeorras, ata que deu o paso á galería Souto de Ourense, na que os seus cadros estiveron expostos ao carón de artistas coma Quesada, Virxilio ou Laxeiro. De entre as súas mostras máis significativas cabe destacar “Marionetas”, na  Galería Sargadelos  de Ourense; “Saudade de soños”, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, e “Alén dos soños”, na Sede Afundación de Vigo.

“Morriña de estrelas” pode visitarse ata o 3 de decembro no palacete das Mendoza, de luns a venres de 9:00 a 20:00 horas, sábados e festivos de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas e o domingo de 10:00 a 14:00 horas.

 

Ligazóns de interese