O palacete das Mendoza acolle a exposición de “Morriña de estrelas” de Lola Doporto

A mostra da artista valdeorresa abre as súas portas este venres 17 de novembro e poderá visitarse ata o próximo 3 de decembro

16/11/2023

A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres 17 de novembro no palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, a exposición “Morriña de estrelas”, da artista do Barco de Valdeorras Lola Doporto. A mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro 3 de decembro, está composta por diversos lenzos nos que saen representadas figuras e composicións inspiradas no Pórtico da Gloria da catedral de Santiago.

Desta maneira, Doporto leva, co seu estilo característico, a música, a cor e a luz dos conxuntos escultórico-arquitectónicos do románico galego aos seus lenzos. Obsequia así as e os visitantes cun Santiago Apóstolo calvo ou cunhas pandeireteiras acompañadas dos seus paxaros icónicos. Os músicos móstraos barbados e con melenas e coa cor e coa espátula confírelles o aspecto inconfundible da súa pintura. A artista engade personaxes que van desde un gaiteiro ou un afiador ata un Mestre Mateo absorto nas súas cavilacións, cheo de cor e tocado pola maxia das estrelas.

De formación autodidacta, Lola Doporto foi pouco a pouco progresando na súa traxectoria pictórica. Arrancou expoñendo cadros na tenda Miranda do Barco de Valdeorras ata que deu o paso á galería Souto de Ourense, na que os seus cadros estiveron expostos ao carón de artistas como Quesada, Virxilio ou Laxeiro. De entre as súas mostras máis significativas destaca “Marionetas”, na Galería Sargadelos (Ourense), “Saudade de soños”, no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense ou “Alén dos soños”, na Sede Afundación de Vigo.

“Morriña de estrelas” pode visitarse desde o venres 17 de novembro ata o 3 de decembro no palacete das Mendoza de luns a venres, de 9:00 a 20:00 horas; sábados e festivos, de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas; e os domingos, de 10:00 a 14:00 horas.

documentos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.