A Deputación ultima o prazo para solicitar a liña de patrocinios ás producións audiovisuais rodadas en localizacións da provincia

A nova anualidade de Rías Baixas Acción aumenta nun 61% o seu orzamento ata os 170.000 euros e conta cunha liña específica para o apoio de producións documentais

26/08/2025

A Deputación de Pontevedra ultima o prazo para que as produtoras audiovisuais poidan solicitar a liña de patrocinios ás producións de ficción e documentais que se roden maioritaria ou exclusivamente na provincia de Pontevedra. Rías Baixas Acción está dotada este ano dun 61% máis de recursos fronte á anualidade anterior, chegando así aos 170.000 euros. As compañías teñen de prazo ata o próximo luns 1 de setembro para solicitar os recursos, distribuídos en dúas categorías.

A primeira delas está dotada de 100.000 euros, dos que se poderán recibir ata un máximo de 25.000 euros no caso de longametraxes, ata 3.500 € para curtametraxes e un máximo de 15.000 euros para o apoio de series que excedan os 300 minutos de emisión. Na segunda categoría, novidade deste ano e específica para producións documentais, a Deputación destina 70.000 € que se distribuirán con ata 7.000 € para aqueles que excedan de 40 minutos de duración, ata 3.000 euros para curtas e un máximo de 3.000 € para podcasts documentais. En ningún dos casos a axuda poderá exceder do 50% do orzamento total do proxecto.

Entre as condicións para recibir financiamento salientan que as producións deben estar rodadas en lingua galega (coa excepción de filmes en lingua castelá que se agarda que teñan un forte impacto e repercusión) e ter como mínimo un 50% de escenarios da provincia. Ademais, estes deben ser recoñecibles como parte do patrimonio material, inmaterial, natural, social ou histórico da provincia de Pontevedra. Os proxectos de animación sen rodaxe física deben contar igualmente con referencias xeográficas ou simbólicas do territorio provincial.

A Deputación reforza o crédito de Rías Baixas Acción consciente do especial interese que supoñen as producións audiovisuais tanto para o fomento do desenvolvemento da industria cultural da provincia como para consolidar o auxe do audiovisual galego rodado na provincia, ademais de proxectar a imaxe de Pontevedra en medios e plataformas de gran relevancia, importancia e repercusión. Deste xeito, búscase  que os escenarios da provincia supoñan unha vía para dar publicidade ao destino e que isto contribúa ao seu desenvolvemento económico e social.