A Deputación organiza en Agolada un obradoiro escolar para que o alumnado coñeza o funcionamento das traídas veciñais de auga

O deputado provincial Javier Tourís asistiu á actividade, no marco do proxecto A viaxe de Gotiña, no que participou preto dun cento de alumnos e alumnas do CEIP Plurilingüe

09/03/2026

A Deputación organiza en Agolada un obradoiro escolar para que o alumnado coñeza o funcionamento das traídas veciñais de auga

A Deputación de Pontevedra acaba de organizar no CEIP Plurilingüe de Agolada un obradoiro educativo e participativo para preto dun cento de alumnas e alumnos de Educación Infantil e Educación Primaria co obxectivo de que coñezan de primeira man o funcionamento das traídas veciñais de auga. O deputado de Acción Comunitaria, Javier Tourís, asistiu a esta actividade enmarcada no proxecto A viaxe de Gotiña, que tamén inclúe un concurso escolar que busca concienciar sobre a xestión sostible da auga.

Este obradoiro, tal e como recordou o deputado, permite que o alumnado poida coñecer como funcionan as traídas veciñais, quen as xestiona, que partes as conforman e por que son un exemplo de solidariedade, sostibilidade e colaboración comunitaria, ademais de facer visible un patrimonio material e social —a auga— que forma parte da identidade galega. O obradoiro aborda contidos de ciencia da natureza, ciencias sociais e valores transversais como o traballo en equipo e o respecto pola natureza. Esta actividade tamén busca concienciar sobre a importancia de que as novas xeracións se involucren e tomen o relevo. O alumnado de Infantil participou en actividades como filtrado con botellas, cancións, a construción de pequenos ríos e presas, debuxos e xogos con fichas, e o alumnado de Primaria en actividades como a construción de traídas caseiras, xogos de memoria ou un debate onde asumen roles e tratan sobre un problema que pode xurdir nunha traída real.

A guía e narradora do obradoiro é a personaxe de Gotiña, unha billa de ferro que representa como a auga chega finalmente ás casas. A súa misión neste obradoiro ten catro fases. A primeira, descubrir os conceptos sobre traídas veciñais, de onde vén a auga e por que é un traballo en equipo. A segunda, realizar actividades participativas onde poñer en práctica os coñecementos. A terceira, que o alumnado aprenda o compromiso que require a revisión, a limpeza e a análises das traídas por parte das comunidades de augas. A cuarta e última, representar esa aprendizaxe nos proxectos presentados ao concurso escolar do proxecto.

Concurso escolar A Viaxe de Gotiña

A través do concurso A Viaxe de Gotiña a Deputación busca que o alumnado coñeza o desenvolvemento do ciclo da auga nas zonas rurais, e que sexa consciente da súa importancia e da sostibilidade da súa xestión. O alumnado de educación infantil deberá presentar os seus traballos na modalidade de mural, mentres que o de educación primaria poderá optar entre outros dous formatos: maquetas ou cómics. Os traballos deberán conter o desenvolvemento completo do ciclo da auga, e cada centro poderá presentar unha soa candidatura por categoría e disciplina que reflexe o traballo en equipo. A documentación pode consultarse no sitio web da Deputación, e enviarase a concursoescolarauga@depo.gal ata o 31 de marzo.

Os premios repártense do seguinte xeito: para a categoría de mural, un primeiro premio consistente nunha tableta, o segundo premio será un lote de xogos educativos Montessori e o terceiro un lote de material escolar. Nas categorías de maqueta e de banda deseñada, os primeiros premios serán 25 bonos de visita ás illas Cíes, os segundos premios unha tableta e os terceiros cadanseu lote de material escolar. Ademais, os traballos de maqueta e banda deseñada serán expostos nas instalacións da Deputación, mentres que os murais poderán visitarse nos centros de ensino.