A Deputación entrega no CEIP Atín-Cela de Mos dous premios do concurso escolar A Viaxe de Gotiña
O certame dirixiuse a centros educativos de Infantil e Primaria da provincia para concienciar sobre a xestión responsable e sustentable da auga e dar a coñecer a importancia das traídas de augas veciñais
01/06/2026
O deputado provincial Javier Tourís acudiu esta mañá ao CEIP Atín-Cela, en Mos, onde fixo entrega de dous premios do concurso escolar A Viaxe de Gotiña, co que a Deputación de Pontevedra buscaba concienciar á comunidade educativa e ás xeracións máis novas da provincia sobre a importancia dun consumo de auga responsable e sustentable.
En concreto, o alumnado de Infantil do centro foi galardoado co terceiro premio na categoría de mural, o mesmo que tamén recibiron os estudantes de Primaria na categoría de bandas deseñadas. O deputado Javier Tourís entregoulles dous lotes de material escolar e destacou, tanto das súas propostas como das presentadas ao concurso, “a súa excelente calidade”.
Ademais destes premios, na categoría de banda deseñada a proposta gañadora foi para o CEIP Manuel Cordo Boullosa de Ponte Caldelas, seguido do CPR Alba de Vigo. Pola súa banda, en maqueta o CEIP Xesús Golmar, de Lalín, acadou o primeiro posto, mentres que o CPR Estudio, de Nigrán, acadou o segundo e o CPR Sagrado Corazón de Praceres, en Pontevedra, o terceiro. Na categoría de Infantil resultou gañador o mural do CRA Ribadumia, seguido do CPR Alba de Vigo.
