#XUVENTUDE

1.º CONCURSO ESCOLAR A VIAXE DE GOTIÑA

A Deputación de Pontevedra pon en marcha o concurso escolar A Viaxe de Gotiña, dirixido aos centros escolares da provincia, e en concreto ao alumnado de infantil e primaria, para sensibilizar as rapazas e rapaces sobre a importancia de manter e conservar as traídas de auga veciñais que existen nas zonas rurais da provincia, así como para que coñezan o desenvolvemento do ciclo da auga nestas zonas, desde o manancial ata as casas, pasando pola captación da auga, as infraestruturas principais, a súa xestión ou o control de calidade e o plan sanitario, que conseguen que esta sexa apta para o consumo humano e así previr enfermidades.


Ademais de sensibilizar, procúrase concienciar o colectivo escolar sobre o importante que é para toda a sociedade a xestión responsable da auga para satisfacer as necesidades actuais de consumo sen comprometer as das futuras xeracións, e sobre a relevancia das traídas de auga veciñais como un ben comunitario que se debe conservar con vistas ao futuro.

Por outra banda, o concurso escolar A Viaxe de Gotiña é unha excelente oportunidade para que as nenas e os nenos da provincia poidan amosar, mediante diversas técnicas e disciplinas artísticas, o seu compromiso coa sostibilidade na xestión da auga das traídas veciñais.

Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra, desenvolvida a través do Servizo de Cooperación e organizada por unha empresa especializada, que se encadra no proxecto “Mellora da xestión da auga no ámbito rural da provincia de Pontevedra a través do apoderamento, apoio e posta en valor das comunidades de usuarios de auga”, financiado polo Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 ao abeiro do programa de subvencións destinadas a accións para o impulso da Axenda 2030 nas entidades locais, correspondente o ano 2024, no marco da Orde DSA/632/2022, de 23 de xuño.

INSTRUCIÓNS DE PARTICIPACIÓN

Primeira. Obxecto

Estas instrucións teñen por obxecto establecer as condicións de participación e a convocatoria da primeira edición do concurso escolar A Viaxe de Gotiña, que busca sensibilizar e concienciar sobre a importancia do ciclo da auga de consumo humano e da sostibilidade da súa xestión, especialmente nas traídas veciñais, un ben comunitario que se debe conservar para o futuro.

Segunda. Persoas destinatarias

A convocatoria está dirixida a todo o alumnado de educación infantil e primaria dos centros escolares da provincia de Pontevedra. Cada centro educativo poderá participar elaborando as súas creatividades nas diferentes disciplinas segundo a categoría.

Terceira. Categorías e disciplinas

  1. Educación infantil
  1. Mural

O obxectivo principal é a elaboración dun mural relacionado coa temática deste concurso. Cada colexio poderá participar cunha proposta conxunta do alumnado de educación infantil na que se reflicta o traballo en equipo.

O mural debe conter o desenvolvemento do ciclo da auga, desde o manancial ata as casas, e expoñerase no centro educativo para que poida ser valorado polo xurado, que ditaminará o gañador.

  1. Educación primaria
  1. Maqueta

Elaborarase unha maqueta relacionada coa temática do certame. Cada colexio poderá participar cunha proposta conxunta do alumnado de educación primaria na que se reflicta o traballo en equipo.

O proxecto debe amosar o desenvolvemento do ciclo da auga nas zonas rurais, desde o manancial ata as casas.

A proposta expoñerase no centro educativo para que poida ser valorada polo xurado, que ditaminará o gañador do concurso.

  1. Cómic

Tamén realizado de forma conxunta polo alumnado de educación primaria, nel recollerase o desenvolvemento do ciclo da auga para consumo humano, desde o manancial ata as casas, pasando pola captación da auga, as infraestruturas principais, as análises e controis de calidade, o plan sanitario da auga etc.

Esta proposta tamén se expoñerá no centro educativo para que poida ser valorada polo xurado, que ditaminará o gañador do concurso.

O alumnado de educación primaria de cada centro educativo poderá participar nunha ou nas dúas disciplinas desta categoría (maqueta e cómic).

Cuarta. Participación

Os centros educativos de infantil e primaria interesados en participar poderán concorrer ao concurso por categoría e disciplina; a realización dos diferentes traballos farase de forma conxunta entre o alumnado de infantil ou primaria dos citados centros, segundo se establece na instrución terceira.

Unha persoa responsable de cada centro educativo, docente ou membro da Dirección do centro, encargarase de presentar as obras.

Os traballos deberán levar o nome da titora ou titor e os datos identificativos do centro. Aqueles traballos que non estean claramente identificados poderán ser descualificados.

As creacións deberán ser orixinais.

A participación neste concurso supón a autorización das persoas participantes para que esta institución difunda, reproduza ou publique os proxectos premiados no acto de entrega correspondente, así como nas informacións relacionadas con este, coas limitacións derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, de 12 de abril, polo que se aproba o Texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia. A Deputación de Pontevedra non difundirá externamente os vídeos recibidos, salvo petición previa e autorización expresa.

Así mesmo, a participación no concurso tamén supón a autorización por parte das persoas e centros educativos participantes á exposición pública dos traballos premiados en instalacións da Deputación de Pontevedra ou nalgún outro lugar que a entidade provincial considere adecuado.

Quinta. Presentación de solicitudes e documentación

A documentación relacionada coas obras enviarase ao correo electrónico concursoescolarauga@depo.gal nos formatos PDF, JPG ou mediante ligazón de descarga, e incluirán a seguinte información:

  1. Formulario de participación cuberto, no que figurarán os datos do centro educativo, a dirección, o correo electrónico, o teléfono e os datos da persoa responsable de contacto (directora ou director, xefa ou xefe de estudos, titora ou titor etc.), así como a modalidade de participación.
  1. Pequena memoria, que incluirá:
  • A descrición da temática e os materiais utilizados.
  • A explicación do proceso.
  • O número de nenas e nenos que participa no proxecto e a súa porcentaxe respecto do total de menores matriculados no centro de educación infantil ou de primaria.

Así mesmo, deberase acompañar da seguinte documentación gráfica, segundo a categoría e disciplina do concurso:

  • Mural: fotografías desde varios ángulos e/ou vídeos do mural realizado, que se poderán acompañar tamén de fotografías e/ou vídeos do proceso de deseño e materialización. O mural deberase expoñer no centro educativo para a visita do xurado, que determinará o gañador.
  • Maqueta: fotografías desde varios ángulos e/ou vídeos da maqueta realizada, que poderán acompañarse de fotografías e/ou vídeos do proceso de deseño e materialización. A maqueta deberase expoñer no centro educativo para a visita do xurado, que determinará o gañador.
  • Cómic: unha copia do traballo en formato PDF en cor do cómic realizado, coas follas numeradas, así como os datos do centro educativo e da persoa responsable. Tamén poderá acompañarse de fotografías do proceso de deseño e materialización. O exemplar orixinal tamén deberá expoñerse e custodiarse no centro educativo para a visita do xurado, que determinará o gañador.

Sexta. Prazos de presentación

  • Presentación dos traballos

Os centros educativos terán un prazo de tres (3) meses, contados a partir da publicación das instrucións de participación na páxina web da Deputación de Pontevedra, para presentar as súas creacións, cuxa data límite será o 31 de marzo de 2026.

Por outra banda, para os efectos de prever a participación dos centros escolares no concurso, así como para organizar e programar as visitas das persoas do xurado aos distintos colexios participantes, é necesario comunicarlle a participación do centro educativo á Deputación de Pontevedra no correo indicado na instrución quinta e achegar o formulario cuberto.

Sétima. Premios

A entrega de premios realizarase nun acto na Deputación de Pontevedra no que se premiará a mellor proposta presentada, atendendo a cada unha das seguintes categorías e modalidades:

  1. Educación infantil
  1. Mural

1.º premio: unha tableta de última xeración.

2.º premio: un lote de xogos educativos Montessori.

3.º premio: un lote de material escolar.

Os citados premios serán exclusivamente para o centro escolar e para uso e gozo do alumnado de educación infantil.

  1. Educación primaria
  1. Maqueta

1.º premio: 25 bonos de visita ás illas Cíes.

2.º premio: unha tableta de última xeración.

3.º premio: un lote de material escolar.

  1. Cómic

1.º premio: 25 bonos de visita ás illas Cíes.

2.º premio: unha tableta de última xeración.

3.º premio: un lote de material escolar.

Os citados premios serán exclusivamente para o centro escolar e para uso e gozo do alumnado de educación primaria.

Oitava. Xurado

Convocarase un xurado, que exercerá para todas as categorías e modalidades e que estará formado por persoal da Deputación de Pontevedra.

O xurado poderá declarar deserto calquera dos premios se considera que ningún dos traballos presentados reúne os requisitos suficientes para ser premiado.

Por último, a lista de gañadores publicarase na web da Deputación de Pontevedra.

Novena. Acto de entrega dos premios

Estes premios entregaranse nun acto público, convocado para tal fin, que terá lugar na Deputación de Pontevedra e no que se poñerán en valor os traballos e o papel relevante levado a cabo polos centros educativos participantes.

Ademais, as creatividades premiadas nas categorías de maqueta e cómic permanecerán expostas durante un tempo determinado nas instalacións da Deputación de Pontevedra ou nalgún outro lugar que a entidade provincial considere adecuado. No caso dos murais, estes poderán visitarse nos propios centros educativos, nas condicións establecidas por cada centro, en especial polas xeracións máis novas, para concienciar e sensibilizar sobre a importancia que ten para toda a sociedade a xestión responsable da auga e o mantemento e conservación das traídas de augas veciñais en zonas rurais.

Décima. Protección de datos

Os datos persoais obtidos nesta convocatoria serán tratados pola Deputación de Pontevedra, en calidade de órgano responsable, coa finalidade de xestionar este concurso.

A lexitimación para o tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha tarefa de interese público ou no exercicio de poderes públicos segundo as normas do réxime local de aplicación.

Os datos persoais obtidos neste procedemento non serán obxecto de comunicación.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou revogar o consentimento segundo o previsto en https://depo.gal/proteccion-de-datos/exercicio-de-dereitos.

Formulario de participación no concurso escolar A Viaxe de Gotiña