A segunda ruta do programa Depo_Auga terá lugar esta fin de semana polo río Verdugo e as Salinas do Ulló

 O programa provincial ofrece unha ruta circular de 5 quilómetros en pádel surf e caiac por esta contorna, na que as persoas participantes poderán desfrutar de distintas paisaxes e navegar dentro do espazo natural protexido por Red Natura 2000

13/07/2023

Depo_Auga

O programa provincial Depo_Auga, co que a Deputación de Pontevedra oferta actividades de pádel surf e caiac en contornas de ríos e rías da provincia, chega esta fin de semana ao concello de Vilaboa, onde se desenvolverá os días 15 e 16 de xullo na desembocadura do río Verdugo e as Salinas do Ulló.

A actividade consistirá nun roteiro circular de aproximadamente 5 quilómetros no que se poderá gozar de distintas paisaxes entre a desembocadura do río Verdugo e as salinas do Ulló (Vilaboa) e navegar dentro do espazo natural protexido Rede Natura 2000. A actividade comezará na praia do peirao de Arcade, desde a que as persoas participantes visitarán lugares deste espazo natural como as illas Alvedosas e as salinas do Ulló. A ruta seguirá cara a ponte medieval de dez arcos que dá nome á parroquia de Ponte Sampaio e bordeará a Illa de Medal, á que se accede a través dunha pequena ponte levadiza. A actividade finalizará na mesma praia na que comezou. En cada unha das xornadas participarán 16 persoas.

Despois desta saída, a terceira e última sesión do programa terá lugar en Cesantes e a Illa de San Simón, en Redondela, os días 29 e 30 de xullo e o prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 17 de xullo a través do formulario que se abrirá na web da Deputación. En cada unha das actividades haberá dispoñibles 32 prazas, 16 para cada día, e poderán participar persoas maiores de 18 anos ou menores de idade (mínimo de 16 anos) con autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.