#DEPORTES

Depo_Auga

Excursión guiada nunha táboa de pedal surf

O programa “Depo_auga” da Deputación de Pontevedra de 2023 consiste en excursións guiadas polos ríos ou polas praias da nosa provincia nunha táboa de pedal surf: a Hobie Mirage Eclipse, dotada cun mecanismo exclusivo de propulsión a pedais e cun guiador para accionar o temón, o que proporciona máxima accesibilidade e estabilidade no medio acuático.

Apúntate e goza dunha actividade diferente coa que visitar contornas naturais espectaculares e localidades costeiras.


QUEN PODE PARTICIPAR?

Está dirixido ás persoas amantes da natureza. “Depo_auga” abre a posibilidade de realizar travesías de aproximadamente 1 hora e media polos ríos e costas da nosa provincia.

Neste programa poden participar grupos de persoas maiores de 18 anos, ou menores de idade (mínimo de 16 anos) con autorización da súa nai, pai, titora ou titor legal.

NÚMERO DE ACTIVIDADES E PRAZAS

O programa “Depo_auga” ofrece actividades totalmente gratuítas, cun máximo de oito táboas e dúas quendas por día.

FORMALIZACIÓN DA INSCRICIÓN

As e os participantes poderán inscribirse a partir do día designado para o efecto pola Deputación ata completar o límite de prazas.

Aquelas persoas que se anoten con posterioridade (ata un máximo de 5) pasarán á lista de espera. O prazo de inscrición finalizará o luns anterior á realización da actividade, ás 10 horas.

En caso de non poder asistir á actividade na que se rexistrou deberá comunicarllo ao Servizo de Deportes antes de finalizar o prazo de inscricións para o que enviará un correo electrónico co nome e co DNI a deportes@depo.gal; deste xeito pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de espera. A partir dese día, as persoas que renuncien ou non asistan á actividade serán sancionadas e non poderán participar no resto das rutas.

Ás persoas participantes confirmaráselles a asistencia a través de www.depo.gal, coa publicación da lista definitiva.

FUNCIONAMENTO DO PROGRAMA

As e os participantes deberán desprazarse ao lugar de partida da actividade, onde recibirán información sobre o funcionamento do programa. Apuntaranse nunha das quendas que se ofertan por día, e entregaráselles todo o material necesario para realizar as actividades.

Días e rutas

Depo_Auga Illa de Tambo (concello de Poio)
DEPO_AUGA ILLA DE TAMBO

Trátase dunha ruta cunha distancia aproximada de 5 km na que se poderán contemplar distintas paisaxes da ría de Pontevedra. Comezará na praia da Canteira, situada á dereita do porto deportivo de Combarro, pasando fronte á paradisíaca praia da Area, que pertence á illa de Tambo.

A ruta continuará en dirección ao porto deportivo, navegando pola fachada costeira de Combarro, onde se pode gozar dunha panorámica única cos múltiples hórreos e cruceiros da zona histórica, e rematará na praia do Padrón, desde onde se volverá á praia da Canteira.

Depo_Auga Río Verdugo-Salinas do Ulló (concello de Vilaboa)
Prazas esgotadas
DEPO_AUGA SALINAS DO ULLO

Trátase dunha ruta circular de aproximadamente 5 km na que se poderá gozar de distintas paisaxes entre a desembocadura do río Verdugo e as salinas do Ulló (Vilaboa) e navegar dentro do espazo natural protexido Rede Natura 2000. A actividade comezará na praia do peirao de Arcade, desde a que visitaremos lugares deste espazo natural coma as illas Alvedosas e as salinas do Ulló. A ruta seguirá cara á ponte medieval de dez arcos que lle dá nome á parroquia de Ponte Sampaio, e bordeará a descoñecida illa de Medal, á que se accede a través dunha pequena ponte levadiza. A actividade rematará na mesma praia na que comezou.

Depo_Auga Illa de San Simón (concello de Redondela)
PRAZAS ESGOTADAS
DEPO_AUGA San Simón

Trátase dunha ruta circular de aproximadamente 4 km que se realizará na enseada de San Simón, situada na ría de Vigo e pertencente á Rede Natura 2000, importante pola súa biodiversidade, xa que é un lugar rico en mariscos bivalvos e numerosas especies de aves. Durante a actividade visitarase o monumento ao capitán Nemo, protagonista da novela Vinte mil leguas baixo dos mares, de Jules Verne, e visualizaranse perimetralmente as illas de San Simón e Santo Antón, unidas por unha ponte e provistas dunha riqueza histórica singular. Ademais, será posible tirar fotos da ponte de Rande desde unha perspectiva única, antes de finalizar a actividade na praia de Cesantes, onde comezou.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.

ODS NOS QUE TEN IMPACTO