Luis López comproba en Cuntis o remate das obras de mellora da seguridade viaria da EP-8404 entre Piñeiro e Arcos cun investimento da Deputación de 462.000€
O presidente provincial percorreu un treito desta estrada qu veu mellorada a súa seguridade ao longo de 3,4 quilómetros coa reposición do firme, a reparación das beirarrúas, a construción de cunetas de seguridade e a renovación da sinalización
08/11/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, pon de manifesto o impulso á mellora da seguridade viaria na rede de estradas provinciais que está a levar a cabo o organismo provincial nunha visita ao Concello de Cuntis para comprobar o remate da obra de mellora da seguridade viaria na EP-8404 entre as localidades de Piñeiro e Arcos que supuxo un investimento de 462.000 euros financiados ao 100 % polo organismo provincial. O dirixente puido percorrer un treito dos 3,4 quilómetros, cunha actuación que consistiu incluíu a reposición do firme e a mellora de distintos elementos de seguridade.
"A mellora da rede viaria provincial, formada por máis de 1.600 quilómetros, é un dos piares da nosa acción de goberno. De feito vimos de aprobar inicialmente os orzamentos do vindeiro ano 2026, que inclúe un reforzo do Servizo de Infraestruturas de máis do 50%, o que eleva a partida ata case 40M€ para manter en perfecto estado e mellorar a seguridade viaria das estradas provinciais", declarou López.
A obra supuxo a intervención nun treito de 3,4 quilómetros, entre os puntos quilométricos PQ 0+000 e PQ 3+416, consistiu na reposición do firme, construción de cunetas de seguridade que melloran a drenaxe da vía e na reparación das beirarrúas, así como a substitución da sinalización vertical e horizontal. Unha intervención valorada en 462.000 euros, financiada ao 100 % polo ente provincial e executada nun prazo de catro meses.
A mellora da estrada provincial entre Piñeiro e Arcos non é a única iniciativa impulsada pola Deputación no concello de Cuntis. A través dos distintos plans de cooperación aprobados polo goberno provincial —o +Provincia, o Plan Extra e o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas– estase a investir este ano un total de 1,2M€ neste Concello, no que tamén están en marcha outras actuacións en estradas provinciais como son as EP-8402 e EP-8403 ao seu paso polas localidades de Xinzo, A Casiña e Piñeiro.
