A Deputación de Pontevedra destina preto de 100.000 euros á mellora da eficiencia enerxética da avenida Enrique Peinador de Mondariz Balneario
O deputado Pablo Castillo anunciou que a actuación será sufragada con recursos procedentes do Plan +Provincia 2026-2027, complementando as obras de mellora da contorna do conxunto hoteleiro ás que a Deputación dedica preto de 580.000 euros
10/09/2026
O deputado provincial Pablo Castillo anunciou este xoves en Mondariz Balneario que a Deputación de Pontevedra sufragará cunha achega de preto de 100.000 euros as obras de renovación e mellora da eficiencia enerxética da avenida Enrique Peinador. Trátase de recursos procedentes do Plan +Provincia, que este ano destina ao concello preto de 550.000 euros ao sumar as catro liñas de actuación desta anualidade e mais a liña de investimentos de 2027 (á que poden acceder anticipadamente). O deputado anunciou que a axuda se aprobará na Xunta de Goberno deste venres.
A actuación abrangue a substitución das luminarias actuais por outras con tecnoloxía LED de alta eficiencia e baixo consumo enerxético. Adecuarase a distribución dos puntos de luz para garantir o cumprimento dos niveis lumínicos e de uniformidade esixidos por lei, ademais de conseguir a optimización da distribución fotométrica e a mellora da uniformidade lumínica. Con isto conseguirase solucionar os problemas de falta de iluminación en tramos onde na actualidade os puntos están situados a unha distancia superior aos 40 metros. A luz tamén se reforzará en cruzamentos ou tramos de xeometría irregular, que requiren unhas mellores condicións de visibilidade e seguridade viaria. Por último, adecuaranse os soportes, canalizacións e demais elementos da instalación, en función das necesidades derivadas da nova disposición das luminarias.
O deputado provincial lembrou que a Deputación tamén está a investir na avenida Enrique Peinador preto de 580.000 euros do Plan Extra – Provincia Comunitaria (492.000 €) e o Plan +Provincia (87.000 €) para financiar as obras de recuperación e humanización da contorna dos hoteis históricos, unha superficie de algo máis de 3.000 m2 no tramo entre a PO-254 e a rúa Javier Solano. A actuación permitirá mellorar a integración urbana dun conxunto arquitectónico de gran valor monumental formado por edificios emblemáticos como o Hotel Balneario, o Antigo Hotel Sanatorio e o Palacio da Auga. Crearase un espazo máis accesible e amable, con tráfico moi restrinxido e controlado, favorecendo os desprazamentos a pé e a calidade urbana.
Pablo Castillo puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta a actuacións moi necesarias que non só redundan na mellora da calidade de vida das persoas, senón tamén na protección do medio ambiente e o uso responsable dos recursos”. O deputado lembrou que “a Deputación é a grande aliada dos concellos porque somos un goberno municipalista, que escoita e entende as súas necesidades, e de aí que este Plan +Provincia 2026-2027 sexa o máis ambicioso da historia desta institución, cunha inxección de 85 millóns entre os concellos de menos de 50.000 habitantes”.
