A Deputación leva a Ribadumia este sábado Voces dos Ermos, o ciclo de concertos de música coral en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo

Tolemia´s Consort ofrecerá un concerto ás 19:30 horas na Igrexa de Santo André de Barrantes de Ribadumia

15/04/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 18 de abril a Ribadumia Voces dos Ermos, o ciclo de concertos de música coral impulsados polo organismo en homenaxe a Ramón Otero Pedrayo. Nesta ocasión, Tolemia´s Consort ofrecerá un concerto ás 19:30 horas na Igrexa de Santo André de Barrantes con entrada libre ata completar o aforo.

Nos concertos do ciclo Voces dos Ermos, cuxo nome provén dunha das obras emblema da cultura galega, “O mesón dos ermos”, autoría de Otero Pedrayo, teñen protagonismo as voces que se mesturan coa música clásica, popular e contemporánea. Deste xeito, a través desta iniciativa provincial, a Deputación organiza en cinco concellos da provincia actuacións de agrupacións corais e grupais de referencia en Pontevedra ou vinculadas coa provincia e que, ademais, celebran algunha efeméride ou aniversario dentro da súa historia ou traxectoria durante o ano 2026.

Voces dos Ermos estreouse o pasado mes de marzo en Pontevedra, onde a centenaria Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra (1925-2025), gañadora do Premio Otero Pedrayo que outorgan as catro deputacións galegas, e a Orquestra Sinfónica de Pontevedra presentaron “Leucoíña. O canto das augas”, de Brais González. Despois de pasar por Vigo e de recalar este próxima sábado en Ribadumia, o ciclo chegará o 25 de abril a Vilagarcía de Arousa, da man do Coro Liceo de Vilagarcía (que cumpre 45 anos no 2026), a Banda de Cámara Arousa e solistas, que ofrecerá un concerto de música sacra In memoriam na igrexa do convento de Vista Alegre ás 20:30 horas. O peche do programa terá lugar no mosteiro de San Xoán de Poio o 23 de maio ás 20:30 horas co concerto do LX Aniversario de Orfeón e Orquestra Terra a Nosa.