A Deputación aproba a contratación de actividades infantís e xuvenís do programa +Convivir, cun investimento de 225.000 euros

A Deputación aproba a contratación de actividades infantís e xuvenís do programa +Convivir, cun investimento de 225.000 euros

06/07/2026

A Deputación aproba a contratación de actividades infantís e xuvenís do programa +Convivir, cun investimento de 225.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este luns o expediente para contratar a organización e execución das actividades infantís do programa +Convivir nos anos 2026 e 2027 unha iniciativa que permitirá complementar as xornadas de convivencia que se desenvolverán nos concellos da provincia cunha programación específica para a cativada e a mocidade. O contrato, conta cun orzamento de preto de 225.000 euros e permitirá dotar estas xornadas de inchables e talleres adaptados ás distintas actividades programadas.

O presidente da Deputación, Luis López, destacou que “queremos que +Convivir siga sendo un espazo de convivencia, de encontro entre xeracións e, agora, tamén para as familias”. Neste sentido, sinalou que “o obxectivo tamén é transmitir valores que para nós son importantes: a convivencia, a participación, o uso responsable da novas tecnoloxías e o respecto polo medio ambiente”.

O programa +Convivir ten como finalidade impulsar o dinamismo social e asociativo da provincia mediante a celebración de xornadas de convivencia, favorecendo a relación entre a veciñanza e contribuíndo á mellora da calidade de vida, especialmente no ámbito rural. As actividades infantís reforzan ese carácter integrador, facilitando que as familias participen conxuntamente nestes encontros.

O investimento distribuirase en dúas anualidades: 125.000 euros para 2026 e preto de 100.000 en 2027. O contrato contempla dous formatos de actividades, adaptados ás características e dimensión das distintas xornadas que se desenvolverán nos concellos da provincia. Con esta actuación, a Deputación continúa reforzando a súa aposta por programas que fomentan a convivencia, fortalecen o tecido asociativo e contribúen a facer dos concellos espazos máis dinámicos, participativos e pensados para todas as xeracións.

audios