A Deputación destina 600.000 euros para apoiar o deporte náutico da provincia de Pontevedra neste 2026

O presidente Luis López explicou que esta liña de axudas para os clubs deportivos que participan en competicións de piragüismo, remo e vela medra este ano 50.000 euros

17/04/2026

A Deputación destina 600.000 euros para apoiar o deporte náutico da provincia de Pontevedra neste 2026

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou hoxe en conferencia de prensa que a Xunta de Goberno acaba de aprobar as subvencións para apoiar aos clubs náuticos de piragüismo, vela e remo neste 2026, dotadas con 600.000 euros, 50.000 euros máis que no 2025. “Seguimos demostrando con feitos e non só con palabras, que somos a provincia do deporte, e que estamos aí para apoiar a deporte en todas as modalidades”, asegurou Luis López, que lembrou que só neste mes de abril se aprobaron 2 millóns de euros para apoiar aos deportistas e clubs.

En concreto, estas achegas están dirixidas aos clubs deportivos sen ánimo de lucro da provincia que participen en competición oficiais de calquera ámbito territorial no piragüismo, ao que se destinan 335.000 euros; remo, con 160.000 euros, ou vela, con 105.000 euros.

As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, e cada club poderá recibir un máximo de 28.000 euros, sempre que non supere o 40% do orzamento presentado. Entre os gastos que poden subvencionar as entidades deportivas atópanse os gastos federativos, os de competición e adestramento, os de persoal, de material deportivo ou sanitarios.