A Deputación destina 100.000 €, un 42% máis que o pasado ano, á contratación de persoal en oito centros especiais de emprego da provincia
Luis López: “Este programa busca facilitar a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade, que adoitan ter máis dificultades e índices máis elevados de desemprego”
23/10/2026
A Deputación de Pontevedra destina 100.000 euros, un 42% máis que o pasado ano, á contratación de persoal en oito centros especiais de emprego situados na Guarda, Nigrán, Pontevedra, O Porriño, Vigo e Vilagarcía de Arousa ao abeiro de +Emprega. O presidente provincial, Luis López, subliñou que “o obxectivo deste programa é facilitar a inserción no mercado laboral das persoas con discapacidade, que adoitan ter máis dificultades e índices máis elevados de desemprego”.
En liñas xerais, os oito centros especiais de emprego beneficiarios desta liña de axudas provinciais recibirán entre 5.000 e 18.000 euros, en función do número de persoas con discapacidade contratadas. E, con estes recursos, tal e como informou López, as entidades poderán financiar os custos salariais das unidades de apoio e postos de dirección ou coordinación.
Ao detalle, as empresas que reciben recursos de +Emprega son San Jerónimo Emiliani (A Guarda), Juan María Empleo (Nigrán), a Asociación de Discapacitados Intelectuales Virgen de la O (Pontevedra), a Fundación para a Discapacidade e o Emprego Juan XXIII (Pontevedra), Lume Emprego para persoas con discapacidade intelectual (O Porriño), Grupo SIFU Galicia (Vigo), BATA Servizos Integrais á Comunidade (Vilagarcía de Arousa) e Servilar 2018 (Vilagarcía de Arousa).
