Luis López confirma o apoio do goberno da Deputación de Pontevedra coa declaración da Reconquista de Vigo como festa de interese turístico internacional
“O feito de que a Reconquista sexa festa de interese turístico internacional contribuirá a reforzar a proxección internacional do destino, a impulsar o turismo cultural nas Rías Baixas e a consolidar a provincia como un referente nas recreacións históricas”, remarcou o presidente
27/03/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra confirma que a Xunta de Goberno do organismo provincial acaba de aprobar o apoio á declaración da Reconquista de Vigo como festa de interese turístico internacional. “O feito de que a Reconquista sexa festa de interese turístico internacional -remarcou o presidente- contribuirá a reforzar a proxección internacional do destino, a impulsar o turismo cultural nas Rías Baixas e a consolidar a provincia como un referente nas recreacións históricas”.
López recordou que esta festa, que organiza ano tras ano a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo, “reúne numerosas condicións para ser declarada de interese turístico internacional”. Ao respecto, o presidente provincial mencionou a elevada participación cidadá, a súa capacidade de atracción turística, a súa ampla programación cultural e etnográfica ou a proxección institucional.
Luis López subliñou que “o noso obxectivo é apoiar plenamente a candidatura da Reconquista para converterse en festa de interese turístico internacional”. “Queremos -engadiu o presidente da Deputación- avanzar na súa consolidación como un dos eventos culturais e turísticos máis salientables de Galicia e da provincia de Pontevedra”.
