A Deputación destina preto 85.000 euros para que O Campo Lameiro realice melloras no pavillón de deportes

A Xunta de Goberno deu luz verde á concesión a esta axuda no marco do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas e permitirá mellorar a eficiencia enerxética da cuberta da pista deportiva, da súa envolvente, o alumeado e a súa ventilación

24/07/2026

A Deputación destina preto 85.000 euros para que O Campo Lameiro realice melloras no pavillón de deportes

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres unha axuda ao Concello do Campo Lameiro por valor de máis de 85.000 euros co obxecto de financiar melloras do pavillón municipal de deportes. Trátase da totalidade dos recursos que lle corresponden ao abeiro do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dotado de 8 millóns para que os municipios de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan subvencionar proxectos de construción de novas instalacións e espazos públicos de uso deportivo, así como para a modernización, remodelación e mellora de instalacións xa existentes.

O obxectivo do proxecto é mellorar a eficiencia enerxética, a ventilación e a seguridade da pista do pavillón municipal mediante a renovación total da súa cuberta e fachadas con materiais illantes (panel sándwich e lá de roca). Ademais, instalarase unha ampla zona de lucernarios para aproveitar a luz natural e reducir o consumo eléctrico, xunto con dous extractores que equilibrarán a ventilación interior para eliminar por completo os problemas de condensación e filtracións de auga.

Continuamos sumando exemplos de como o Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas, que reparte 8 millóns entre os concellos de menos de 50.000 habitantes, está a transformar a práctica deportiva na provincia”, asegurou o presidente da Deputación, Luis López.

audios