A Deputación aproba máis de 550.000 € do Plan +Provincia para novos investimentos en Meaño, Pontecesures, Sanxenxo e Valga

Valga destinará preto de 250.000 € do Plan +Provincia ao seu programa de asfaltado de estradas municipais nas parroquias de Setecoros e Valga

07/08/2026

A Deputación aproba máis de 550.000 € do Plan +Provincia para novos investimentos en Meaño, Pontecesures, Sanxenxo e Valga

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, confirmou este venres unha nova inxección de recursos superior aos 550.000 euros na zona de Arousa e a comarca do Salnés no marco do Plan +Provincia 2026-2027, concretamente para os concellos de Meaño, Pontecesures, Sanxenxo e Valga.

Valga recibirá unha axuda de preto de 250.000 € para acometer o seu plan anual de asfaltados municipais, co fin de manter as vías en condicións adecuadas mediante a limpeza e varrido da superficie e das cunetas, o pavimentado con mestura bituminosa, o realce e posta a cota do pavimento e o recalceamento das tapas de rexistro. Actuarase en camiños situados nas parroquias de Setecoros (Casal de Eirigo, Estrada Senín, Bronllo, Bronllo 2, Estrada Senín – Magariños, Pata e punto limpo) e de Valga (Fontenlo, a pista ao depósito de Albor e o sobreancho de Paredes).

Pola súa parte, o Concello de Sanxenxo afrontará a mellora da accesibilidade da praza Manuel Cortés, de Borbóns, cunha inxección de preto de 160.000 euros. O fin das obras é lograr unha mellor integración na contorna, preservando integramente o concepto de espazo público pero con máis superficie utilizable. Incorporará escaleiras e ramplas e farase un redeseño da bancada actual e mais da interacción coas vías do perímetro.

Meaño dedicará unha achega de preto de 80.000 € ao ensanche e mellora da capa de rodadura de dúas vías: a pista de acceso a Dadín (Dena), fundamental para acceder tamén á Autovía do Salnés, e o camiño en Freixeiro (Lores) que conecta con Simes. As intervencións inclúen movementos de terras, execución de muros de contención, pavimentación asfáltica e a reposición dos servizos, peches e elementos agrícolas afectados polos retranqueos. Estas dúas vías presentan un ancho moi reducido, que impide un cruzamento seguro de vehículos en sentido oposto, e a presenza de descarte e de noiros incrementa o risco de accidentes.

Por último, Pontecesures recibirá máis de 70.000 € para o acondicionamento da plataforma e a humanización da rúa Carles. Dotarase de plataforma única con zonas de tránsito separadas, mellorarase a rede de recollida de augas pluviais para adaptala ás novas características do espazo e remodelarase o alumeado público para aumentar a eficiencia enerxética. Ademais, realizaranse melloras no parque infantil con novos listóns que mellorarán a comodidade dos asentos e reforzarase a súa iluminación.

“Avanzamos no reparto dos 85 millóns de € cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou o presidente Luis López, que lembrou que os concellos teñen “total autonomía para facer realidade as súas prioridades”.