A Deputación aproba máis de 500.000 euros para o subministro de enerxía eléctrica no Campo Lameiro e a humanización de vías en Vilaboa no marco do Plan +Provincia
O Campo Lameiro recibe 60.000 euros no marco da liña de gasto corrente, mentres que Vilaboa contará con 445.000 € para realizar melloras en diferentes parroquias
06/07/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno destinar máis de 500.000 euros para os concellos do Campo Lameiro e Vilaboa no marco do Plan +Provincia. O presidente Luis López detallou que O Campo Lameiro recibe 60.000 euros da liña de gasto corrente para o subministro de enerxía eléctrica para as dependencias e instalacións de titularidade do Concello, mentres que Vilaboa contará con 445.000 euros da liña de investimentos para a humanización de diferentes vías nas parroquias.
Máis polo miúdo, con estes recursos provinciais o Concello de Vilaboa realizará unha ampla intervención sobre diversos camiños municipais que presentan un estado moi deficiente, con asfaltos deteriorados, fochancas de notable dimensión e infraestruturas de drenaxe insuficientes. En concreto actuarase en nove ámbitos distribuídos polas parroquias de Santa Cristina de Cobres, Santo Adrán de Cobres, San Martiño de Vilaboa e Santa Comba de Bertola. As obras previstas céntranse na pavimentación das vías municipais, empregando solucións de aglomerado en quente, fresado parcial, tratamentos bituminosos e, nalgúns puntos, pavimentos alternativos como lastro de granito ou formigón armado.
Complementariamente, o proxecto incorpora a renovación e execución de novas obras de drenaxe, incluíndo limpeza e reparación de medios caños, instalación de tubaxes de PVC para pluviais, embornais prefabricados e canles de drenaxe. Ademais, En Filgueira e Pedrouzo prevese tamén a execución de novas redes de abastecemento, mediante escavación de gabias, instalación de tubaxes de polietileno e colocación dos elementos auxiliares necesarios. A actuación complétase coa implantación de sinalización horizontal e vertical en todo o ámbito das obras.
Luis López lembrou que o Plan +Provincia 2026-2027 está dotado de 85 millóns de euros. “Seguimos sumando recursos destes 85 millóns, o que fan deste o plan de obras e servizos de competencia municipal máis ambicioso da nosa historia”, asegurou o presidente da Deputación.
