A Deputación aproba 400.000 € para xerar emprego e mellorar as instalacións deportivas de Cangas de Morrazo
Luis López anunciou a aprobación de 153.000 € do Plan +Provincia para a creación de nove postos de traballo e 243.000 € do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas para cambiar o céspede dos campos de fútbol das pistas do Keniata
24/04/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas novas achegas ao Concello de Cangas de Morrazo por valor de preto de 400.000 euros para avanzar na mellora das súas instalacións deportivas e xerar emprego. Trátase de recursos postos á súa disposición no marco tanto do Plan +Provincia como do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
Cangas de Morrazo benefíciase, por unha banda, dunha achega de 243.000 euros do terceiro Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID) para financiar o cambio de céspede dos dous campos de fútbol das pistas do Keniata, como anunciou a vicepresidenta Luisa Sánchez nunha visita ás instalacións esta semana. A achega representa o 100% do orzamento do proxecto, que contempla a colocación dun novo céspede artificial de última xeración. Previamente, examinarase o estado da capa soporte, que se conservará se está en boas condicións, e comprobaranse tamén as pendentes e o asolagamento da subbase para saber se é preciso reparalas.
Ademais, o concello tamén recibirá 153.000 euros do Plan +Provincia cos que financiará a creación de nove postos de traballo destinados aos servizos municipais. Grazas aos recursos da Deputación, Cangas de Morrazo poderá contratar cinco peóns de limpeza viaria, dous oficiais de emerxencias e outros dous peóns de limpeza en edificios públicos. Todos os contratos son por un período de seis meses a xornada completa.
Luis López sinalou que “non hai Xunta de Goberno na que non afondamos na prioridade que debe ter unha institución coma esta: a cooperación cos concellos”, e lembrou que os dous plans suman un investimento de 93 millóns de euros (85 millóns do Plan +Provincia 2026-2027 e 8 do PEID). En canto ao PEID, o presidente da Deputación asegurou que grazas a estas axudas “temos infraestruturas municipais preparadas para acoller competicións de todas as modalidades e disciplinas, e clubs que fomentan a práctica deportiva desde a canteira ata a elite”.
