A Deputación aproba 1,9 millóns de euros do Plan +Provincia para os concellos de Ponteareas, Crecente e Cangas de Morrazo

Ponteareas recibe preto de 115.000 € para a instalación de alumeado público na avenida de Castelao e Crecente preto de 240.000 € para a humanización e mellora do núcleo rural de Pazo e para as obras de reparación de danos causados por choivas en infraestruturas municipais

23/10/2026

A Deputación aproba 1,9 millóns de euros do Plan +Provincia para os concellos de Ponteareas, Crecente e Cangas de Morrazo

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno achegas por valor de 1,9 millóns de euros para os concellos de Ponteareas, Crecente e Cangas de Morrazo no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Ponteareas recibirá preto de 115.000 euros, Crecente case 240.000 euros e Cangas de Morrazo 1,5 millóns.

En Ponteareas os recursos provinciais permitirán ao concello instalar alumeado público na avenida de Castelao. En concreto, instalaranse novos puntos de iluminación pública con tecnoloxía LED de alta eficiencia nun tramo de 600 metros da avenida de Castelao (PO-403). En total, colocaranse 33 luminarias e reforzase a luz en 12 pasos de peóns, incluíndo toda a infraestrutura necesaria (columnas, canalizacións, liñas eléctricas e un novo cadro de mando) para mellorar a visibilidade, a seguridade viaria e a mobilidade peonil nocturna.

Pola súa banda, Crecente contará con 240.000 euros a través de dúas achegas. 86.000 euros serán dedicados á humanización e mellora do núcleo rural de Pazo, en Rebordechán. O proxecto inclúe a substitución do pavimento deteriorado por un de formigón con prioridade peonil e unha nova senda de 1,80 metros, a renovación completa da rede de drenaxe de pluviais, o soterramento das liñas eléctricas e de telecomunicacións para retirar os antigos postes aéreos, a instalación de 6 novas luminarias LED e o reforzo da sinalización e elementos de calmado de tráfico. Ademais, recibe unha achega de 150.000 euros para as obras de reparación de danos causados polas choivas en vías municipais e parque públicos. En concreto, reconstruiranse muros de mampostería granítica, reporanse pavimentos de formigón ou mesturas bituminosas e executaranse novas redes de pluviais para mellorar a drenaxe. Tamén se inclúe a restauración de parques infantís, como o de José Cuiña.

Por último, Cangas de Morrazo contará con 1,5 millóns para a rehabilitación integral e ampliación do antigo Colexio Preescolar da Retirosa, na parroquia de Coiro, para convertelo nun centro cultural e social destinado ás asociacións e colectivos da contorna. A actuación inclúe a reparación e mellora dos edificios existentes, a creación dunha nova planta alta, a renovación das instalacións e a reorganización dos espazos interiores para dispoñer de salas polivalentes e outras dependencias. Ademais, mellorarase a eficiencia enerxética, conservaranse os elementos arquitectónicos de interese e garantirase a accesibilidade mediante ramplas e un elevador.

“Seguimos así avanzando na repartición deste plan, que está dotado de 85 millóns de euros e é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial, Luis López.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.