A Deputación financiará integramente a humanización e mellora integral dos servizos en San Xulián de Requeixo, en Pontecesures

Luis López anunciou a concesión dunha achega de 82.000 euros no marco do Plan +Provincia que se suman aos preto de 470.000 € concedidos a través do Plan Extra, co que a Deputación achega os 550.000 € nos que está valorado o proxecto

12/06/2026

A Deputación financiará integramente a humanización e mellora integral dos servizos en San Xulián de Requeixo, en Pontecesures

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno unha achega de máis de 82.000 € ao Concello de Pontecesures no marco do Plan +Provincia 2026-2027 que permitirán financiar integramente a humanización e mellora integral dos servizos en San Xulián de Requeixo, o proxecto no que se beneficiou doutra achega de preto de 470.000 € no marco do segundo Plan Extra – Provincia Extraordinaria. Deste xeito, a Deputación asume o 100% do financiamento da actuación, situado en 550.000 euros.

O proxecto actuará nun total de tres rúas e dous ramais da parroquia de San Xulián de Requeixo, dotando de coherencia todo o ámbito cunha solución semellante á existente na continuidade da Rúa do Coengo, consistente en pavimentación en formigón armado e unha canle lonxitudinal central, á metade da calzada, formada por lousas de pedra granítica.

Tamén se mellorarán a drenaxe lonxitudinal e a recollida de augas pluviais, procederase á plantación de especies vexetais xa desenvolvidas, para que o seu crecemento non se alongue no tempo, e se dotará a zona de mobiliario urbano como un taboleiro de anuncios, papeleiras, bancos e unha fonte de auga potable.

“Imos avanzando no reparto dos 85 millóns cos que conta o Plan +Provincia 2026-2027 para mellorar os servizos públicos e modernizar os espazos municipais, facendo que Pontevedra sexa unha provincia extraordinaria”, sinalou Luis López.