A Deputación destina 210.000 euros para que 36 entidades da provincia executen actuacións se a accesibilidade ao abeiro de Provincia +Inclusiva
O presidente provincial Luis López quen remarcou a importancia desta liña de axudas para “favorecer a participación activa de todas as persoas da provincia nos diferentes ámbitos da sociedade”
27/11/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar a concesión de axudas por valor de 210.000 euros para que 36 entidades sen fins de lucro de 17 concellos da provincia promovan a accesibilidade universal ao abeiro de Provincia +Inclusiva. O presidente provincial Luis López remarcou a importancia desta liña de axudas para “favorecer a participación activa de todas as persoas da provincia nos diferentes ámbitos da sociedade”.
O plan Provincia +Inclusiva, distribuído por concorrencia competitiva, destinará entre 1.200 e 10.000 euros a cada entidade e con estes recursos poderán afrontar melloras da accesibilidade nos seus inmobles para rachar coas barreiras arquitectónicas, adquirir sistemas de comunicación que garantan a inclusión das persoas ou dotarse de camas articuladas, colchóns antiescaras, cadeiras de rodas ou, entre outras cuestións, materiais para facilitar a mobilidade.
En liñas xerais, este ano benefícianse da liña de axudas Provincia +Inclusiva oito entidades de Pontevedra (Amenecer-Aspace, Asociación Cultural Ecuestre A Granxa de Fina, Asociación de Discapacitados Intelectuales Virgen de la O, Asociación de Xordos de Galicia Xoga, a Asociación Española contra el Cáncer, a Asociación Galega San Francisco, a Cruz Roja Española e Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Pontevedra), outras oito de Vigo (Alento-Asociación de Daño Cerebral de Vigo, a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia, ASEM Galicia, Aspanaex, Apamp, Éguete, Cogami Pontevedra e a Fundación Casa de Caridad de Vigo – Hogar San José).
Ademais, recibirán achegas tres entidades de Vilagarcía de Arousa (Asociación Lar, Fundación Lar e Fundación Residencia Divina Pastora), dúas de Cangas de Morrazo (Agaela e Sodináutica), outras dúas de Mos (Casa Santa María da Esperanza e Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) e tamén dúas no caso de Ponteareas (Asociación de Persoas con Discapacidade das Comarcas do Condado e Paradanta e Dar más). Por último, contan con subvencións de Provincia +Exclusiva unha entidade de Crecente (Colexio Nosa Señora de Fátima), A Estrada (Agadea), A Guarda (Avelaíña), Lalín (Asociación para a protección dos anciáns de Lalín e comarca), Moaña (Afamo), Nigrán (Centro Juan María), Pazos de Borbén (Aspavi), O Porriño (Aceesca), Redondela (Andaina), Tomiño (Vontade) e Tui (Congregación de Irmás franciscanas hospitalarias).
